top of page

Non me chames Dolores, chámame GORDA


Nesta sociedade na que vivimos, poucos termos inclúen tantas acepcións cuestionábeis como a palabra GORDA. Se te chaman gorda, non só insinúan que non estás delgada senón que de seguro es unha persoa vaga, torpe, lambona, sedentaria, enfermiza, avergonzada do seu físico, infeliz e amargada. Claro está que vivimos nun mundo gordofóbico que discrimina e vexa á xente gorda no ámbito laboral, na saúde, na cultura, na parella, nos medios de comunicación e mesmo na rúa, onde milleiros de gordas e gordos sofren un acoso continuo tanto verbal coma físico.


Esta situación é particularmente nociva cara as mulleres. Gordas ou delgadas, nós sempre estamos baixo o ollo crítico do patriarcado: nunca tan fermosas como deberiamos, nunca desexábeis dabondo, vivindo en corpos que non satisfacen o canon imperante. As gordas, só polo feito de seren gordas, afástanse aínda máis do ideario estético imposto a todas e é por isto que se atopan nunha posición máis vulnerábel, xa que canto máis lonxe esteas do normativo, menos privilexios posúes.


A cousa é que esta discriminación afecta de forma diferente ás mulleres delgadas: deberán ficar fracas, si, pero mentres o fagan non se mofarán delas cando coman fóra ou fagan deporte en público, non deberán pagar máis por un billete de avión, non lles dirán nas tendas que non tenhen roupa da súa talla, encontrarán modelos cos que se poden identificar nos medios de comunicación e, en xeral, a xente do seu entorno non lles aconsellarán adelgazar continuamente coa desculpa de que se preocupan pola súa saúde. A pesares de sermos todas mulleres, as fracas gozan do privilexio delgado mentres que as gordas aturan dobremente o abafante peso da estética por seren gordas e mulleres.


Porén, cada vez xorden máis colectivos de gordas dispostas a loitar contra a gordofobia, mulleres fartas e máis conscientes ca nunca da culpa que ten o patriarcado capitalista sobre a súa invisibisibilidade, patoloxización, inferioridade e marxinación. Gordas que saen do armario como gordas orgullosas de selo, que se apropiaron da palabra gorda a modo de empoderamento, que aman os seus corpos e que falan abertamente da gordofobia sen vitimizarse, senón con ganas de berrar lume.


Por moito tempo se deixou na sombra á loita gorda pero xa é hora de que a cruzada antigordofóbica entre a saco nos movementos feministas. Non só pola discriminación que é común para gordas e fracas, senón para a que é dirixida só cara gordas. Por que? Porque xa abonda de que o patriarcado diga como ha ser o corpo dunha muller. Porque é triste que esta inxustiza fique diante de nós e non se faga nada por cambialo. Porque o problema dunha gorda é un problema de todas. Por sororidade. Por traballar xuntas. E, sobre todo, polas gordas, que levan anos sufrindo a invisibilidade, a ignonimia e o estigma non só por parte do patriarcado, senón tamén por outras mulleres.


Que ten delito.



No puedo cumplir con tu deseo de odiarme a mí misma,

de sentir vergüenza de lo que soy

o de sentir vergüenza de no sentir vergüenza de lo que soy.

No puedo.

No puedo porque no quiero,

no quiero porque me importa una mierda,

me importa una mierda porque me amo,

me amo porque todo me importa una mierda. Por fin

Magdalena Piñeyro – STOP GORDOFOBIA y las panzas subversas


Pd: un día paseabamos por Compostela cando nos atopamos esta #simpática alusión das amigas do Delorean e ocorréronsenos unha chea de cousas que sería mellor que se levaran lonxe de nós os mosquitos:


a) O traballo precario

b) Hazteoír

c) Os desaloxos

d) Maluma

e) A guardia civil

f) O corte da coca

g) Os medios de comunicación

h) Ciudadanos

i) Paulo Coelho

j) O que se vos ocurra, cona!



Queres ver máis?
bottom of page