Do acontecido na marcha por Juana Rivas e por que berramos lume
Haberá quen diga que a loita feminista non ten sentido, que a loita en xeral non ten sentido, que non se está tan mal neste mundo ao fin e ao cabo, que hai que aprender a convivir con toda a xente, que todas os ideais e todas as opinións son dignas. Nós non podemos estar de acordo e, logo da concentración en apoio a Juana Rivas deste sábado en Compostela, en certo xeito só queriamos ver o mundo arder co lume que nos naceu dentro.
Antes que nada, fixemos un brevísimo resumo do caso da compañeira Juana Rivas por se algunha non está familiarizada co motivo da concentración á que nos imos referir ou quere lembrar a cronoloxía inicial da historia. Aparece ao final de este artigo, despois da nosa reflexión sobre o acontecido na nosa cidade o día 9 de setembro.
Parécenos obvio que un maltratador non pode ser bo pai, nen merece a custodia duns fillos aos que fixo vivir un pesadelo. Estamos convencidas de que non hai dereito a que unha nai entregue aos seus fillos pensando que quizais lles van facer o mesmo que lle fixeron a ela.
Non queremos nen podemos aturar máis un sistema patriarcal, unha lei na que ou te rematan ou son inocentes. Unha muller, cando recibe a primeira ameaza, insulto ou golpe, acotío en estado de shock, terá que sacar as forzas para ir á comisaría e contarlle a un policía (e logo a outro, e logo a outro) o que lle aconteceu. E máis lle vale ter probas máis aló do seu tormento.
Nalgúns casos terase que enfrontar a ollares de desconfianza, a preguntas ferintes, a máis homes que a farán sentir xulgada. A raiba é forte, as nosas compañeiras seguen morrendo, non queremos nen unha menos e por iso, cun nó na gorxa, saimos o pasado sábado día 9 de setembro a berrar xuntas. Na rúa do Franco, a altura do cruce coa rúa do Vilar, un home espontáneo achégase braceando e incrépanos isto a berros:
"La hija de puta se estaba acostando con otro,
pero de eso no decís nada, ¿eh?"
Non damos crédito, que acabamos de ouvir? Un home a berrarlle a todo un grupo de persoas que se están manifestando pacíficamente en apoio a unha muller maltratada. A berrarnos que Juana seica tiña relacións con outro home e que iso era o interesante do caso. Non os golpes, non o maltrato, non a seguridade dos nenos. O home afástase berrando, enfadado, enfadado el, ferido el.
Aínda co corazón dorido e a cabeza feita un lío, porque non conseguimos reaccionar a tempo co home da rúa do Franco, porque non se nos ocorría o xeito de respostar a tan grande burrada, as compañeiras tentan ler o manifesto. Semella que, unha hora antes do previsto, imos ter que dar por rematada a concentración porque hai un concerto do ciclo Música do Camiño programado para a mesma hora na praza de Platerías.
Nós temos que marchar, pero aínda son as 20 h e o concerto da Banda de Música está programado para dar comezo ás 20.30 h (aínda que a manifestación tiña que durar até as 21 h, segundo nos informan). Falamos coa Banda de Música, explicamos que queremos ler o manifesto do caso de Juana Rivas e rapidiño rematamos, parece que non vai haber problema.
As compañeiras comezan a emotiva lectura dos pormenores do caso, mentras todas gardamos o máximo silencio en sinal de respeto. De súpeto, unha muller emerxe bracexando violentamente e berra que rematemos dunha vez, que a Banda de Música ten que comezar. Si, no medio do discurso, bérrannos de novo e incrépannos outra vez. Sentimos tensión, pero parece que ela se calma un pouco e que podemos seguir lendo.
Pero aos poucos segundos, un impresentable desgraciado achégase ás mulleres que sosteñen a pancarta en actitude de xefe de todo, dono de todas, de rei da praza por dereito de polla, un fantoche e un paiaso e, entre risos de superioridade e dando moito noxo, comeza a berrar coas compañeiras e a pedirlles que acaben co acto, que el quere ver á Banda de Música a golpe de xa e que o mundo é del e do seu carallo.
A lectura remata e todas berramos unhas consignas de apoio a Juana Rivas, berramos que non queremos nen unha menos, pedimos que non nos asasinen máis ás 20.12 h na praza de Platerías. O monifate imbécil volta agora facendo como que danza cos nosos berros, ríndose ás gargalladas das asasinadas e de nós, que pedimos xustiza pacíficamente na praza da nosa cidade. O pasmón, porco de pé, quere ouvir á Banda de Música, e máis vale que sexa xa, porque o manda o seu carallo e por iso, baila sobre a tumba das mulleres que caeron na loita contra o sistema patriarcal.
Finalmente, algunhas rapazas presentes non poden conter a raiba nen queren vivir durante máis tempo esta ultraxe cara elas, cara nós, cara todas, e encáranse ao paspán. O home pon cara de non ter feito nada de malo, sinala o seu reloxo, o seu carallo marca a hora para nós calar.
O sábado na praza de Praterías, ardeu o sangue de PunKostela e precisamos partillar con todas vós o lume das nosas veas para probar que fai falla loita, toda clase de loita, toda a que poidamos aportar, para mudar un mundo que dá noxo e que está enfermo.
Lume e loita, compañeiras. Basta xa, nen unha máis, non queremos nen unha menos.
Juana está na nosa casa
Unha noite Juana sae tomar algo e divertirse, quizáis fuxindo xa de un fogar no que habita un home inestable que a asusta. Cando volta, o seu marido quere saber onde pasou a noite, porque é o propietario e dono da vida de Juana, por suposto. Despois, el a golpea repetidamente ata o punto de ela precisar asistencia médica e é condeado a tres meses de prisión máis unha orde de afastamento de ela por un ano e tres meses. Os familiares de Juana aseguran que ela vivía illada por el, que non entendía a santo de que ía a súa muller sair sen el a ningures. Porque Juana é súa.
Juana conta que el a insulta, a aldraxa, a humilla e tamén lle bate. Unha noite, o marido a suxeita polo pescozo e lle promete que a vai matar, porque Juana é súa. Juana procura axuda no seu entorno, pero agora o seu entorno xa é só o do seu marido, que lle aconsella que non o faga, que en Italia seica iso de denunciar violencias está moi mal visto, coitado do marido, sería un arrebato, Juana, atura, traga, deixa estar.
As declaracións do maltratador, Francesco Arcuri, son insultantes incluso cando tenta defenderse, esta clase de frases que cheiran a morte: "Nos últimos tempos ela saía de noite outra vez, era unha desilusión tras outra". Tamén di el que "nunca tería esperado estar nunha situación onde case se ten que defender, aínda que os xuíces lle dean a razón". O marido de Juana non sabe de xustiza patriarcal, ou sabe de sobra. Os xuíces deron a razón a centos de asasinos e nós non queremos nen unha menos.
O maltratratador denuncia a Juana por secuestro o día 28 de xullo e pide que a deteñan, ela estaba xa na nosa casa. Juana tivo que fuxir para non entregarlle os seus fillos a un violento que a amenazou de morte, que lle propinou palizas e que a insultou diante dos dous nenos. A xustiza española dicta unha orde de busca e captura contra Juana, pero ela está na nosa casa.