top of page

Crónica rabiosa do desaloxo do Escarnio

30.05.2017, 9:20 h


CHAMAMENTO a absolutamente todas: Catro furgóns policiais están a desaloxar o CSOA Escarnio e maldizer. Acudide apoiar un espazo libertario que nos deu todas as alegrías do mundo. O barrio é noso, cona!!

UN DESALOXO, OUTRA OKUPACIÓN


30.05.2017, 15:00 h


Concentración HOXE ÁS 20 H na Porta do Camiño, en defensa dos nosos Centros Sociais.


Temos o corazón roto e as entrañas revoltas. Pasamos pola Algalia e seica ficou un cheiro a rabia ante unha sociedade que nos resulta incomprensible. Non temos agora as palabras certas, pero esperamos atopalas hoxe ás 20 h con todas vós. O Escarnio foi fogar, bullidoiro de cultura, alma do barrio da Algalia, refuxio da diversidade e da loita. Agora é cemento feo e triste que tapia as nosas liberdades.


Verémonos noutra casa, haberá máis CSO. Todo o noso apoio para as compañeiras do Escarnio, hoxe e sempre: LUME!!!


Aos señores que mandan gustámoslles nós sumisas e os Centros Sociais así:

30.05.2017


- 10, 100, 1000 Centros Sociais - Hoxe nova concentración ás 21 h na Praza de Galicia


Hoxe espertamos con resaca anímica. A rede estoupaba con informacións, videos e fotografías do ocurrido onte na rúa. E a túa cabeza, latexante todavía, comezaba a doer ante certos despropósitos que sacudían o sentido común. Dentro do sistema, lamentablemente, todo se fragua na prensa do día despois. A Praza do Oito de Marzo recibiunos decorada con alegres furgóns policiais e preciosas estatuas uniformadas. Da mesma maneira que as forzas, nós tamén levabamos postas as roupas de faena.


Comezamos a camiñar e o sentido de veciñanza, de solidariedade e inconformismo fíxonos a todas unha mesma masa. Os nosos corpos eran parte dunha bandeira negra que ondeaba sobor das Casas Reais. Os berros liberaron a raiba. Raiba que levabamos acumulando dende pola mañá, cando a policía nacional se encargara de custodiar o tapiado do Escarnio con violencia e absoluta impunidade. A orde cargouse todas as normativas de patrimonio e ocultou tras varios bloques de ladrillo un lugar abandonado que facía tres anos tomara unha nova vida. Tomáraa sen pedir permiso, pero chegando a un acordo co concello. Os corpos que alí se reunían para organizarse non quedaron pechados dentro do edificio aquela mañá, o Escarnio saeu á rúa acompañado de moitos outros corpos en defensa da autoxestión social e cultural.


Á altura do Preguntoiro, da raiba pasouse ao conflito. Os cánticos das que iamos detráis interrumpíronse polo pánico da xente que escapaba dos porrazos dos axentes que comezaron a cargar. Foi entón cando naceu a adrenalina, esa adrenalina que os corpos policiais empregan para partirche o cráneo case sen inmutarse, esa adrenalina que nos fixo sentir vivas. Tiñamos unha razón real para estar alí e non era un soldo, senón a defensa dunhas ideas.


A súa estratexia política e xornalística de medo non nos cala, estimúlanos. Hoxe nova concentración ás 21 h na Praza de Galicia. Contra o desaloxo do Escarnio, en solidariedade coas represaliadas, contra a violecia policial!


A loita é o único camiño

01.06.2017

Tapian xanelas e portas con cemento por medo a que a liberdade se escape polas xuntas.


10,100, 1000 Centros Sociais


10.06.2017

Existe un fungo chamado Cordyceps unilateralis, un parásito que é capaz de modificar a conducta da formiga á que infecta convertíndoa nunha especie de zombi. Unha vez infectada, a formiga entra nun estado de confusión que a leva a subir á parte superior dunha pranta onde se anclan ao nervio dunha folla coas súas mandíbulas. Alí, como se tivera sido mentalmente controlada, morre para servir de maceta ao parásito e asegurarlle a súa máxima distribución noutras víctimas.


Onte, gritabamos aos antidisturbios “para que levades casco, se non tedes cabeza?”. Teñen cabeza, unha da que sae o longo talo dun fungo alienante que non lles deixa ver máis aló, nen pensar individualmente, nen ter ideais… Só parálise do xuízo. Son escravos da máquina, do fungo, do Estado.


Onte, 10 de xuño, voltámonos concentrar para defender os nosos centros sociais e protestar contra o desaloxo do CSOA Escarnio e maldizer. Nos días previos, nas nosas suposicións pareciamos estar todas de acordo en que probablemente non se repetirían as represións violentas da semana anterior. Por que estariamos tan equivocadas?


Para algunhas, a loita era contra os corpos de represión da Policía Nacional. Para outras, iámonolas ver cos resultados da ferinte desinformación dos medios de comunicación de masas, encarnados en forma de bufón ridículo na figura do El Correo Gallego. Había para quen loitariamos contra os poderosos e os terratenentes, que tremían no sofá da casa entre a rabia e o medo, ante a idea de perder parte dos seus privilexios de clase acomodada a mans da xustiza social.


Pero a verdade é que loitabamos contra unha máquina, unha especie de transformer articulado por todo o anterior. Unha engranaxe perfecta que tenta controlalo todo, que extende as súas raíces de terror pola nosa cidade e por todas as demais. É unha máquina creada polos poderosos que entenden que o seu estilo de vida podre non podería seguir sendo o mesmo sen os escravos, sen un pensamento uniformizado, sen unha represión perfecta.


Onte a loita era de Compostela contra a máquina e o seu exército infectado. 10, 100, 1000 centros sociais.

12.06.2017

Non esquezamos que o pasado 30 de maio tapiaron un edificio que vibraba a diario para abandonalo á especulación. A Algalia perdeu o seu corazón e nós, en parte, tamén.


Agora o espazo chora porque xa non sente as voces das persoas que todas as semanas se xuntaban nas aulas abertas e gratuitas de ACE (Automasaxe, conciencia i equilibrio), acroioga, judo, batuke, teatro, boxeo, guitarra ou baile tradicional e pandeireta. O espazo chora por todas as ferramentas, materiais, aparellos, libros e roupa que comezan a acumular polvo no seu interior. O espazo chora pola ausencia de palestras, obradoiros, xornadas solidarias, presentacións de publicacións, concertos, actuacións teatrais ou proxeccións de documentais. O espazo chora polas birras que xa non se comparten e os pratos que xa non se enchen. O espazo chora porque sente na caluga o frío alento desa negra sombra que é a propiedade privada. O espazo chora e todo é mar. Un mar de ignorancia e desinformación que nos afoga.


Na tarde do 10 de maio esta actuación pretendía visibilizar a labor do CSOA Escarnio e maldizer, porque moito teñen traballado e organizado a prol da cultura e a liberdade as rapazas que un día decidiron darlle vida a un inmoble defunto.


QUE SE ENTENDA DUNHA VEZ O PORQUÉ DA NOSA LOITA.


En solidariedade coas feridas e as represaliadas da manifestación do pasado sábado. Non estades soas. Eu Também Som Escárnio e Maldizer


Queres ver máis?
bottom of page