Unha conversa alén dos xéneros
O xoves pasado inaugurouse a exposición Alén dos Xéneros no Auditorio de Galicia para o noso deleite. Trátase dunha mostra colectiva que vén do MARCO de Vigo e que reúne obras duns 50 artistas de todas as xeracións. A idea é falarnos de feminismos, da nova masculinidade e de sexualidades diversas, entre moitas outras sensacións.
É un paseo cativador e explosivo entre arte Queer e realidades diversas. E é sobre todo unha sala na que queda patente que o mundo non está feito de parellas heterosexuais facendo o misioneiro.
Pasen e vexan! Lesbianas debuxando o seu propio erotismo, homes heteros orgullosos da súa sensibilidade, corpos mutantes desobedientes, mulleres que berran sobre a súa menstruación, travestis divinas e a verdade sobre os zapatos de tacón! O nunca visto, ou o que vemos todos os días.
Desde PunKostela, tivemos a sorte de charlar con Anxela Caramés, comisaria da mostra. E isto foi o que nos contou, ademais de moitas outras cousas.
"Que entenderamos os xéneros,
oS xéneroS, en plural,
como algo variable, transformable, non binario"
P: Eu teño curiosidade por preguntarche, xa que te moves neste plano artístico e de xénero, cal é a túa idea dos xéneros no futuro? Pensas que serán un concepto máis, digamos, flexible?
Anxela: Si, eu penso que si. Ou polo menos sería o desexable! Que entenderamos os xéneros, oS xéneroS, en plural, como algo variable, transformable, non binario. Desde logo, non binario! Penso que hai que provocar e producir novos imaxinarios para que a sociedade asuma como normais outras posibilidades e que non aparezan autobuses como o de Hazte Oír.
Pero vendo toda a reacción que houbo por parte da sociedade, parece que a xente que opina que os xéneros teñen que ser só masculino e feminino en función duns atributos sexuais biolóxicos é moi minoritaria, non? Porque realmente provocou moito rexeitamento, e iso anima! Hai esperanza.
P: Cando comezaches a darlle voltas a esta mostra, foi doado dar con artistas que fixeran arte desde a perspectiva de xénero?
Anxela: Eu xa levo como 15 anos traballando sobre cuestións de feminismos nas artes visuais, é o meu tema de tese doctoral, co cal xa levaba un tempo facendo un seguimento dos artistas que traballan sobre estas cuestión. Cando me convidaron a facer este proxecto desde o MARCO, eu xa tiña bastante redactado pola miña conta. É un proxecto de investigación de anos. Hai moitas máis artistas que traballan sobre feminismos! Tamén sobre cuestións de xénero e algo menos sobre revisión da masculinidade. Pero esta foi unha selección de artistas e, como en toda selección, hai que acotar. Quería que houbera unha visión ampla e que se integrasen diferentes xeracións.
Anxela Caramés, comisaria da exposición, durante a conversa
P: A túa tese tratou sobre as producións artísticas feministas no Estado Español desde 1993. Supoño que será desde esta data que resulta máis doado identificar ese movemento no seu conxunto.
Anxela: Si, pero iso non quere dicir que previamente non o houbera! A finais dos 70 si houbo algunhas artistas feministas, pero máis ben eran casos puntuais. De feito agora estase traballando sobre ese tema e sacando á luz máis nomes. Pero era moi difícil durante a dictadura franquista, claro.
Por exemplo aquí, nesta exposición, están os traballos de Roberto González Férnandez, os seus debuxos de mediados dos anos 70, que xa non é que sexa pioneiro no contexto galego, é pioneiro no Estado Español á hora de visibilizar a cuestión gai. El estivera en San Francisco, nos Ángeles, e reproduce esas primeiras festas do Orgullo en Estados Unidos, algo que aquí era súper novidoso.
P: Desde os 90 até o de agora, dirías que a cousa vai a máis?
Anxela: Eu penso que vai a máis porque tamén hai profesores e profesoras nas facultades que falan estes temas. Ao ver os referentes, o alumnado imprégnase un pouco máis. É máis fácil traballar sobre estes temas se xa nas aulas te dan referentes.
Aínda que nos anos 90, cando as artistas comezan a traballar sobre estas cuestións, non lles falaban de feminismos ou de arte feminista nas facultades nin de broma. Era todo unha investigación persoal. Pero hoxe en día, a nivel académico e formativo, está máis aberto.
P: Cres que pode haber un cambio na arte neste sentido, cando xa eres consciente de que existe un movemento académico e consolidado fronte a cando xorde dunha curiosidade máis ben intimista en canto a xénero?
Anxela: Iso é un debate importante. De feito, apréciase ben nas artistas de finais dos 70, principios dos 80, incluso principios dos 90. Elas traballan dunha maneira máis intuitiva.
Pero tamén hai diferentes tendencias: hai artistas que crean desde a propia experiencia e outras máis teóricas. E nesta exposición vese; hai artistas que teñen todo un marco conceptual e teórico detrás, e outras que traballan máis ben desde as entrañas. Todo convive e todo vale.
P: E na creación artística sobre sexualidades e LGBT, dirías que acontece a mesma cousa?
Anxela: A influenza da teoría Queer nese tipo de prácticas artísticas, ao falar de sexualidades diversas, si que aí hai unha aparataxe teórica bastante considerable. Eu aí si que o vexo moi claro, todo o mundo leu a Judith Butler, A performatividade de xénero, a Teoría Queer, o Manifesto Contrasexual de Beatriz Preciado. É pasar do texto ás imaxes, ás veces.
"Hai xente que ve esas fotos e non identifica que falan de masturbación.
É moi forte! 'As mulleres non se masturban'...
Realmente hai un descoñecemento absoluto.
E xa non só da sexualidade lésbica, da sexualidade das mulleres!"
P: Gustounos mogollón o traballo do colectivo LSD, cóntanos máis sobre elas!
Anxela: Son unhas pioneiras. Elas realmente xurdiron en Madrid, están aquí por Fefa Vila, que é galega, da provincia de Ourense. Eran un grupo de artistas, sociólogas, activistas… Naquel momento era rompedor e agora mesmo tamén. A idea delas era xerar un imaxinario das lesbianas, da sexualidade, da erótica, que consideraban que naquel momento non existía e había que difundilo. Da cultura lesbiana!
Tamén falaban da menstruación doutra maneira, que a día de hoxe sigue sendo como algo tabú. Vémolo nos anuncios de compresas, non? Podo contar anécdotas coas fotografías de Mónica Cabo. Xa para empezar as de Dourados Dedos, que non teñen por que ser de sexualidade lésbica, pero si, porque se vedes os títulos son do tipo “Pensando na veciña do 5º”, “Pensando en Kate Moss”… Pero hai xente que ve esas fotos, e non identifica que está falando de masturbación. É moi forte! "As mulleres non se masturban"... Realmente hai un descoñecemento absoluto. E xa non só da sexualidade lésbica, da sexualidade das mulleres!
Fotografía exposta na mostra: do colectivo LSD, Lesbianas Sudando Deseo
P: Pero con exposicións como estas podemos…
Anxela: Claro! É o que se pretende. Abrir a mente e que a xente vexa outras cousas, outras realidades.
P: E a sección de reinventar a masculinidade…
Anxela: Gustaríame mostrar máis traballos sobre ese tema, pero é certo que aí non hai moito. No caso de David Catá, el utiliza, aprópiase, dunha estética que normalmente se asocia coa homosexualidade e as prácticas artísticas desta temática, para rachar con ese estereotipo. Esas pezas nas que se cose a cara das persoas importantes da súa vida, está utilizando unha práctica como é a costura, que normalmente se asocia ás mulleres, e unha práctica performativa co corpo, que normalmente se asocia coa arte feminista… sendo home. Ten unha sensibilidade moi feminina e moi feminista, é un caso de masculinidade reinventada.
Fotograma dunha das curtas proxectadas na exposición
P: Tes algunha recomendación para nós?
Anxela: Falando de todo isto, agora mesmo en Madrid Fefa Vila, de LSD, organizou El porvenir de la Revuelta sobre colectivos LGTBQ desde os anos 80 ata a actualidade que ten moi boa pinta. Por si pasades por Madrid, creo que estará até outubro ou así! Vai haber moitas actividades.
Tamén Pablo Andrade, de Maribolheras Precarias, foi convidado a unha charla, as rapazas de ORGÍA, que están porque unha delas é galega, Sabela Dopazo, e tamén foron convidadas. Así que hai representación galega alí tamén, que o saibades. Vai ser moi potente.
Achegádevos ao Auditorio se vos entra a gana de escapar desta realidade
gris heteronormativa apostólica chea de fastío que nos come.
En pleno Campus Morte.