top of page

Longa noite de PPedra

O que pasa co PP aquí é para chorar ou, como dicimos na minha casa, é PPenoso. O martes da semana pasada debatíase no Parlamento o proxecto de lei integral galega de identidade de xénero elaborada por algúns dos colectivos LGTBI+ da Galiza e que contaba co respaldo da oposición. Este escrito a prol dos dereitos trans caracterizábase pola súa minuciosidade á hora de revisar e tratar de solucionar moitas das problemáticas ás que se enfronta unha persoa trans na súa vida e que non estaban contempladas na vixente lei galega de non discriminación do 2014.


Pois o Partido Porcular dixo que non, rexeitou a lei, e como está en maioría absoluta (Oh, Humanidade!) non será tramitada nin pasará ao proceso de emendas. A tristura anubrou os rostros dxs integrantes das asociacións que impulsaron o proxecto e que se atopaban presentes no debate do martes. A súa tristura non é para menos: desprezaron un proxecto que lle saca moitas cabezas de vantaxe á actual lei galega e varios anos luz á espanhola.



A lei que puido ser e non foi


Estes son algúns dos aspectos máis interesantes do refusado proxecto de lei:

  • Ao contrario que nas outras dúas leis, inclúe unha definición do que é ser transexual.

  • Manifesta que se darán as acreditacións de identidade necesarias a quen as solicite, incluíndo menores e sen necesidade de presentar certificados médicos patoloxizantes.

  • Obriga ao sistema sanitario público galego a proporcionar ás persoas trans tódolos tratamentos hormonais e cirurxías que precisen e a garantir un trato non discriminatorio e adaptado ao xénero co que cada individuo se identifique.

  • Vela pola erradicación das prácticas de modificación xenital en bebés intersexuais mentres se desconhece a súa identidade real excepto cando se fai por preservar a saúde da persoa.

  • Concédese un máximo dun ano para adaptar arquivos, bases de datos e ficheiros da administración eliminando toda referencia á identidade anterior da persoa.

  • Determina que se desenhará e implantará en tódolos centros de ensino un protocolo de atención educativa á identidade de xénero que asegure o respecto e a non discriminación a tódalas manifestacións de identidade de xénero e que se trate ao alumnado polo xénero co que cadaquén se sinta identificadx, permitíndolle xa que logo escoller uniforme e empregar vestiarios e aseos conforme á súa identidade de xénero.

  • As Universidades galegas apoiarán a realización de estudos e proxectos de investigación sobre a realidade das persoas transexuais, transxénero e intersexuais e no ámbito da atención sanitaria crearanse estatísticas cos resultados dos diferentes tratamentos, terapias e intervencións que se leven a cabo.

  • Propón a creación de programas de atención a persoas trans en risco de exclusión: persoas expulsadas do seu fogar, menores baixo a tutela da administración, vítimas de violencia de xénero ou trata, diversidade funcional, terceira idade… e tamén a quen tenha privada a súa liberdade: nos centros penais garantirase que a persoa trans poida acceder ás instalacións correspondentes ao seu xénero sentido e aos tratamentos que precise.

  • Loita por que a comunidade de Galiza vele para que os recursos de atención ás vítimas de violencia de xénero ou de trata se apliquen ás persoas trans da mesma condición.

  • Fai fincapé na necesidade de formación sobre a diversidade de orientación sexual e identidade e expresión de xénero en moitísimos ámbitos: profesorado, persoal da administración, sanitario, penitenciario, cursos de formación a monitorxs, mediadorxs, formadorxs, nenxs agardando seren adoptadxs...

  • Inclúe SANCIÓNS desde 300 euros en caso de incumprimento da lei, ao contrario que o texto actual, que non sanciona.


Mais o día que podía ter sido un fito na historia LGTBIQ galega converteuse no día da ultraxe. Diferentes deputadxs do PP, con dous collóns coma dous melóns (ou dous ovarios coma dous planetarios, escolle ti), decoraron o atril coa bandeira trans para despois rexeitar o proxecto de lei dicindo que o texto non pertence a tódolos colectivos trans e que a mayoría dos preceptos da proposta xa están en marcha.


Ai si? En marcha? Está a transexualidade despatoloxizada? Hai logo un protocolo para persoas trans non discriminatorio nos cárceres galegos? Ou espazos e equipos adaptados nas residencias da terceira idade ou nos pisos tutelados? NON, non hai, por iso é necesaria unha nova lei!

O PP cre que nos imos tragar que son moi trans inclusivos porque catro días antes do debate anunciaron a creación dunha unidade sanitaria de atención a menores trans e dun observatorio contra a discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero. Desde o 2014 que leva en vigor a lei actual, o Partido Porcular ten présa por tomar medidas que favorezan ao colectivo catro días antes da votación dunha nova lei que non lles cunde. Que intelixenciosos!

E non podía ser doutro xeito, pois Feijoo está namorado da lei anterior e non quere que mude! Moi orgulloso o vimos alardear de que Galiza foi a primeira comunidade que aprobou unha lei que consolidaba o principio de igualdade. Si, amijoo, pero unha lei que foi proposta polo PSdeG e que o Partido Popular mutilou ao retirar o capítulo das sancións e oponherse á inversión de carga (inversión de carga: a persoa demandada ten que demostrar que é inocente en lugar de ser x demandante quen probe que houbo delito), deixando así un texto incompleto e que non sancionaba.



Agardo que cando remataron de falar e recolleron a súa bandeira trans, esta lles queimara as mans como auga bendita a un vampiro. Non é coherente falar de igualdade e non discriminación cando ti podes axudar a parte do colectivo trans e non o fas apelando a fodemerdismos verbais que a maioría non son máis que escusas podres.


Nós habemos de seguir loitando. E que non vos enganen, o PP non mudou, por moito activismo trans-friendly do que queren facer gala coas súas bandeiras e os seus discursos “se empreñan en decir que somos tránsfobos y no lo somos”, a única verdade é que desde que lles morreu a momia seguen a ser igual de mamóns.


Queres ver máis?
bottom of page