top of page

Moito + do LGBT+

Hoxe, na derradeira parte da nosa singladura traémosvos 10 novas orientacións sexuais que pode que conhezas ou pode que non. Vaste arriscar a ser a última en enterarte? Non creo, así que levantando áncoras e a toda birra! E se non coincides coas nosas definicións, recorda que a sexualidade é moi persoal e que normalmente non hai unha única interpretación senón que coexisten varias e probabelmente todas sexan válidas.



4ª Etapa: OCÉANO PACÍFICO: etapa segura e tranquila na que abundan os termos que se decantan pola sexualidade indeterminada ou fluida


A toda máquina acabamos de chegar a unha zona nubrada onde as orientacións sexuais semellan non ser ríxidas e inflexíbeis senón que son indulxentes perante o cambio, polo que calquera variación no ámbito da sexualidade considérase un proceso de autoexploración, unha necesidade de experiencias que ansía ser levada a cabo.


11) Heteroflexíbel: as persoas que se identifican con esta etiqueta considéranse fundamentalmente heterosexuais pero iso non implica que unha ou moitas veces durante a súa vida non puideran manter relación sexuais con persoas do seu mesmo xénero. En ocasións emprégase “bicuriosidade” como sinónimo desta orientación.


12) Homoflexíbel: orientación paralela á heteroflexibilidade aínda que neste caso a persoa que a vive é predominantemente homosexual pero non se limita sempre a manter relacións con persoas do mesmo sexo.


Ámbolos dous vocábulos – heteroflexíbel e homoflexíbel – tenhen recibido críticas porque hai quen os considera innecesarios existindo xa a bisexualidade. É certo que ás persoas bisexuais pode non gustarlle coa mesma intensidade os diferentes xéneros polos que se senten atraídas, podendo ter preferencias dentro do seu propio abano, pero gústanlle todos eses xéneros. A homo ou heteroflexibilidade ten unha clarísima inclinación por só un deles e ademais posúe un componhente máis recreativo, máis de excepción, e tecnicamente non se busca de forma activa unha relación coas persoas que te “flexibilizan”. Todo isto no sentido estrito do termo, claro, pero como sempre, pode variar segundo a persoa.


13) Questioning: (do inglés, dubidando) termo que engloba ás persoas que non están totalmente seguras da súa orientación sexual. Isto significa que, polo de agora, están inmersas nun proceso de autoexploración previo a escoller (ou non) unha etiqueta que as defina no futuro. Esta tendencia non se limita só á orientación sexual, a xente questioning pode ter dúbidas tamén á hora de concretar o seu xénero e a súa identidade sexual ou mesmo as tres cousas á vez.


Ao longo dun periodo máis ou menos longo da súa vida, poden experimentar con diferentes orientacións de forma aberta ou limitarse a reflexionar e cuestionar as súas tendencias internamente. Importante: que esta orientación sexual estea incluída dentro do abano LGBT+ non implica que ao final da etapa de autoexploración a persoa non se poida identificar como hetero e/ou cis.


14) Abrosexualidade: fai referencia ás persoas que posúen unha sexualidade fluída ou que muda con certa rapidez ao longo da súa vida. Isto non quere dicir que estean confundidas ou que non sexan capaces de tomar una decisión, senón que o seu interese polas outras persoas varía con certa frecuencia e a unha velocidade variábel. Quen sexa abrosexual non é lesbiana durante unha época e despois é asexual, senón que é abrosexual en todo momento.


15) Antrosexualidade: as persoas antrosexuais (non confundir con androsexuais: persoas non cisxénero que se senten atraídas polos homes ou polas persoas con características que ve como masculinas) son aquelas que desconhecen a súa orientación sexual, experimentando a súa sexualidade sen saber con que categoría identificarse e/ou sen sentir a necesidade de entrar en ningunha delas. O feito de ignorar a súa propia orientación sexual non evita que exista unha certa flexibilidade que lles permite crear vínculos amorosos con persoas de calquera xénero.


A diferenza do questioning, na antrosexualidade non hai unha exploración persoal para saber que se é, senón que se vive a vida sexual cunha perspectiva máis “nin o sei, nin me importa”.


Fotograma da serie Sense8



5ª Etapa: UN MAR DE POUCA PESCA: lugar de correntes moi diversas pero sintetizables en “non hai atracción sexual (a non ser que…)”


Se o que che mola é ter moitos encontros sexuais con persoas aleatorias e a conexión que establezas con elas é irrelevante ou non é sempre a mesma, agóchate rápido na bodega porque este mar non está feito para ti. Aquí a atracción por outras persoas brilla pola súa ausencia e, cando a hai, só pode ser obedecendo unas normas sinxelas pero inamovíbeis.


16) Autosexualidade: vivida por quen só sente atracción sexual por ela mesma e non por outras persoas. En consecuencia, só satisface a súa libido mediante a automasturbación e sen participación doutra persoa. A miúdo se cre que esta orientación é propia de xente narcisista, egocéntrica ou ás veces antisocial, pero se se contempla dende outro prisma, alguén autosexual non é máis que quen ten un desexo ben definido e a única maneira de espertalo e satisfacelo é facéndoo ela mesma, porque ela soa bástase para gozar das súas propias fantasías. Ou acaso son imprescindíbeis outros seres humanos para sentir gozo?


De tódolos xeitos, nada lle impide manter unha relación romántica con outra persoa a pesares de non sentir atracción sexual por ela. E recordade que a automasturbación non volve a unha persoa autosexual do mesmo xeito que manter relación sexuais non troca a alguén en alosexual ou zedsexual.


17) Asexualidade: a persoa non sente atracción por outras persoas – nin necesariamente por si mesma - con independencia do xénero destas. Dentro da comunidade asexual, hai quen nalgún momento se pode sentir atraída por alguén pero sempre é baixo circunstancias concretas e limitadas. Polo xeral, este termo é considerado o máis oposto a alosexualidade ou zedsexualidade, que son a capacidade de experimentar a atracción sexual por outras persoas e que, polo tanto, abranguen case tódalas orientacións sexuais desta listaxe. Cómpre non confundir asexualidade con celibato ou abstinencia sexual, xa que estas son decisións persoais e a asexualidade é unha orientación sexual, non se escolle.


Hai debate sobre se a asexualidade e a autosexualidade deberían estar incluídas no espectro LGBT+, xa que se argumenta que reivindicar o non manter relacións con outras persoas invalida a súa presenza no movemento LGBT+, que precisamente é unha corrente que loita por lexitimar calquera tipo de relación entre dúas ou máis persoas sempre que sexa adulta e consensuada.


Sen embargo, cómpre ter presente que a comunidade asexual sofre opresión por parte da sociedade por non adaptarse aos requisitos da sexualidade clásica. Igual que nós. Controversias aparte, nestes últimos anos a comunidade asexual creou un montón de termos para definir e delimitar as diferenzas entre os seus integrantes, diferenzas que tamén hai dentro da comunidade zed/alosexual. Así, a súa resposta foi crear novas palabras que axuden a autodefinirse. Igual que nós.


Vós que credes? Dentro ou fóra do LGBT+?


18) Demisexualidade: orientación sexual que inclúe á xente que non é capaz de sentir atracción romántica ou sexual por outra persoa ata que non se constrúa un forte lazo emocional entre as dúas. Esa circunstancia é obrigatoria.


19) Litsexualidade: as persoas litsexuais son aquelas que senten atracción sexual sen desexos de que esta sexa correspondida ou recíproca. No momento en que a persoa desexada poida ter os mesmos sentimentos que a litsexual, esta última perde o interese xa que normalmente prefire unha atracción de tipo platónico antes que unha relación convencional.


Actualmente hai queixas pola orixe do termo xa que o prefixo lith- provén do grego lithos, pedra, e no pasado popularizouse o seu emprego para definir a sexualidade stone-butch (*sexualidade macho-pedra), tradicionalmente atribuída a lesbianas moi masculinas que prefiren dar pracer ás súas parellas que recibilo. Para que este termo non quedase inevitabelmente enlazado á comunidade lésbica, propúxose a denominación akoisexualidade.


Demisexualidade e litsexualidade considéranse, en ocasións, parte do paraugas asexual xa que as persoas só senten atracción baixo determinadas circunstancias, pero esta é a única limitación que tenhen, xa que cando existe atracción pode ser cara unha persoa do mesmo ou de outro xénero ou cara alguén genderqueer. Dada esta versatilidade, pareceunos apropiado incluílas nesta listaxe.



6ª Etapa: UN MAR SEN NOME. Latitudes que ata hai pouco

non tinhan denominación propia. Nin a pedían


Agora que se está a pór o sol no horizonte de auga, topámonos cara a cara coa última orientación sexual da singladura. Trátase dun termo non desprovisto de debate; adaptaranse os seus habitantes a el ou rexeitarano como xa fixeron cos demais?


20) Pomosexualidade: (po-mo: post-moderno, sexualidade post-moderna) pode que non soe familiar pero crédeme que máis de unha vez oímos falar das persoas pomosexuais. Trátase desa parte da poboación que nega, evita ou sinxelamente non quere encaixar en ningunha etiqueta. Non confundir coa antrosexualidade, na que a persoa que a vive desconhece a súa sexualidade e/ou non lle interesa adscribirse a ninguna denominación. No caso da pomosexualidade, existe un rexeitamento activo e ideolóxico a pertencer a algunha destas categorías e a persoa pomosexual sería capaz de relacionarse con calquera independentemente do seu xénero.


Este foi un dos termos máis singulares que escoitamos na nosa busca, xa que non puidemos evitar pensar no paradóxico que é nomear deste ou dalgún xeito á xente que precisamente opta por non atribuirse termos. En fin, se lles cunde, a tope.


E con este mar sen nome finalizamos o noso traxecto. Agardamos que vos parecese agradábel e informativo e que vos dea moito que falar nos bares.


E se é a primeira vez que te pousas sobre estas augas axitadas, recorda que é a fin da viaxe pero non do teu caminho. Quen sabe? Pode que non che apeteza voltar tan cedo a Heteroville. Just saying.


Queres ver máis?
bottom of page