O + do LGBT+
Que hai, piratinhas! Hoxe navegaremos unha pequena parte do que é este Mare Nostrum. Probabelmente conhezas palabras como gai ou bisexual pero máis aló existen termos cos que seguro non estás tan familiarizada: sabes o que é a xinosexualidade? E a omnisexualidade? Pois se non te mareas, embarca connosco!
Aviso a navegantas: non todo o mundo coincide coa definición dos termos que veremos a continuación e nós limitámonos a escoller algunhas das definicións máis conhecidas e aceptadas para que vós reflexionedes, debatades e escollades as que máis vos convenhen. Porque recorda, a orientación sexual é algo moi persoal e a túa definición dunha orientación pode non ser a mesma que a minha pero, mentres haia diversidade, nós ficamos contentas. Unha birra e pasaxeiras a bordo.
1ª Etapa: SAÍDA DO PEIRAO DE HETEROVILLE. Terreo conhecido e cómodo
No albor da nosa peculiar singladura atopámonos coas dúas orientacións sexuais máis conhecidas tanto pola xente que pertence á comunidade como pola que non:
1. Lesbiana: muller que se sente atraída por outras mulleres.
2. Gai: home que se sente atraído por outros homes.
Homosexualidade: definicións curtas, claras e concisas sen lugar para a ambigüidade. Abofé que te botaremos de menos, peirao!
2ª Etapa: MARUSÍA. Tifón de termos novos e vellos, ás veces superponhíbeis,
limitados pola falta de consenso
Corre a proa e non te marees porque aquí as ondinhas venhen e van. Non existe unha definición das seguintes orientacións sexuais que compraza a todo o mundo. Nós estivemos investigando a fondo pero a falta de acordo entre as partes fai que quizais saias desta zona bretemosa con certa sensación de “escala de grises”. Porén, a base de mergullarnos atopamos unha serie de definicións que, aínda que non definitivas, polo menos non se solapan as unhas coas outras e deste xeito non se invalida a etiqueta de ninguén. Así que abre o caderno de bitácora e anota, que isto pódeche/te interesar!
3. Multisexualidade: termo paraugas que indica atracción por múltiples xéneros. Abrangue, entre outras, as identidades que veremos nesta etapa: omnisexualidade, pansexualidade, bisexualidade…
4. Bisexualidade: atracción por persoas de máis de un xénero sen ter que ser esta atracción ao mesmo tempo, de igual maneira ou igual intensidade. Existe unha gran discusión arredor deste termo debido á similitude que presenta con pansexualidade (atracción por tódolos xéneros) e algunhas persoas dubidan sobre a lexitimidade de crear un termo novo para designar algo xa incluído en bisexual mentres que outras consideran a bisexualidade unha idea con claras limitacións fronte á gran inclusividade que trata de suxerir a pansexualidade.
Hai quen argumenta que o prefixo “bi-“ (do latín, dous) limita a atracción a homes e mulleres cis polo que consideran esta identidade como un concepto binario, lixeiramente transfóbico e definitivamente non inclusivo cara as persoas genderqueer. Sen embargo, hai voces que se erguen cunha opinión moi diferente, como que dito prefixo evoca en realidade atracción polo xénero propio e por xéneros diferentes ou atracción por dous xéneros que poden ser, por exemplo, muller e persoa trans ou home e persoa non binaria, ofrecendo deste xeito unha visión menos exclusiva da bisexualidade.
5. Polisexualidade: atracción por persoas de máis de dous xéneros sen ter que ser esta atracción ao mesmo tempo, de igual maneira ou igual intensidade. Esta orientación baséase tamén no número de xéneros polos que sentes inclinación aínda que suxire que ese número é superior ao dunha persoa bisexual e inferior ao dunha persoa pansexual, posto que polisexual abrangue moitos dos xéneros existentes pero non necesariamente todos, cousa que si fai a pansexualidade. Difícil delimitar con exactitude onde remata a bisexualidade e onde comeza a polisexualidade.
6. Pansexualidade: como xa mencionamos anteriormente, trátase da atracción por tódolos xéneros incluídas as persoas axénero, bixénero, dous espíritos… Unha persoa pansexual pode sentirse atraída por calquera ser humano independentemente do xénero co que este se identifique.
No apartado de bisexualidade xa comentamos a controversia que existe cando alguén trata de definir estes dous termos (hai xente que incluso considera a pansexualidade unha rama da bisexualidade). Como xa vos dixemos, a orientación sexual é algo persoal e intransferíbel e por moito que desexemos un convenio a minha noción de bisexualidade pode ser diferente á túa, polo que animámosvos a que vós mesmas saquedes conclusións sobre que significa para vós ser bisexual ou pansexual.
Dende o SS Punkostela só imos engadir un par de cousas máis a título persoal. Primeiro sobre a relevancia do prefixo “bi-“: a etimoloxía das palabras pode ser importante pero non é xusto que sexa o único criterio sobre o que se basea a orientación sexual dun grupo enteiro de persoas. Non o cres así? Pois pensa que hai tempo lesbiana só significaba habitante de Lesbos e gay é “alegre” en inglés. Os gais non choran ou que?
E segundo, o termo pansexual construíuse dende o primeiro momento como unha identidade sexual que incluía atracción cara persoas de todo o espectro do xénero polo que foi a primeira etiqueta que, de forma consciente e intencionada, ergueuse sobre a idea de que o xénero non é dicotómico. Quere isto dicir que a identidade bisexual rexeite ás persoas non cis ou genderqueer? Quizais este termo só é transfóbico ou genderqueerfóbico se as nocións de xénero que ti lle atribúes non son trans e genderqueer inclusivas. Aí o deixamos, tócache a ti birra e reflexión.
7. Omnisexualidade: a miúdo empregada como sinónimo de pansexualidade ten, sen embargo, unha pequena diferenza: omnisexual é a persoa que se sente atraída por tódalas variantes de xénero pero, ao contrario que na pansexualidade, non se considera genderblind ou cega para o xénero. É dicir, mentres que a xente pansexual avoga pola neutralidade de xénero ao non distinguir a outras persoas polo xénero ou non reconhecer a diferenza de xénero entre seres humanos (son genderblind), a xente omnisexual si apercibe e identifica os diferentes xéneros aínda que non lle dea importancia á hora de relacionarse con outras persoas.
Fotograma da serie web F to 7th, Episodio 3: Interchangeable
3ª Etapa: UN MAR SEN ARRECISFES. Mar único onde non ser cisxénero
é unha condición sine qua non para a relación
Se se forma unha parella arredor dunha destas orientacións, unha das componhentes debería non ser cisxénero. Cal? Asómate ao ollo de boi e verás.
8. Escoliosexualidade: atracción de alguén de calquera identidade de xénero por persoas exclusivamente non binarias ou que non se identifican como cisxénero. Están fóra de xogo os xenitais ou o xénero asignado ao nacer. Actualmente emerxeron termos sinónimos a escoliosexualidade como ceterosexualidade ou alotroposexualidade para evitar o prefixo grego skolios- (anómalo, torto), que nun principio pretendía emular ao queer (raro) de fala inglesa.
9. Xinosexualidade: identidade sexual propia das persoas non cisxénero que se senten atraídas polas mulleres ou polas persoas con características que ve como femininas. Un problema recente desta orientación é que transmite a idea de que o que interesa son os xenitais femininos, excluíndo así a algunas mulleres. Debido a isto formulouse o termo womasexuality (do inglés,*mullersexualidade, polo de agora sen tradución) que especifica claramente o gusto dunha persoa non cisxénero polas mulleres, indepedentemente dos xenitais que elas presenten.
10. Androsexualidade: identidade sexual propia das persoas non cisxénero que se senten atraídas polos homes ou polas persoas con características que ve como masculinas. A este termo atribúenselle os mesmos problemas que á xinosexualidade e pode ser considerado non inclusivo para os homes sen pene. A palabra escollida neste caso para paliar esta falla é masexuality (do inglés, *homesexualidade, tamén sen tradución) que define a atracción polos homes con ou sen xenitais típicamente masculinos por parte dunha persona non cisxénero.
Neste último mar de hoxe atopamos algo que nos calou moito, case un par de tesouros: xinesexualidade e androsexualidade. Estes dous termos parécennos moi interesantes porque a miúdo temos falado da “problemática” das persoas que se definen como cisxénero e homosexual nunha parte da súa vida e máis adiante comezan a identificarse como genderqueersen que muden as súas preferencias sexuais. Daquela, seguen a ser homosexuais? E se se tratase dunha persoa axénero, sonlle aplicábeis as etiquetas heterosexual ou homosexual?
Mólanos que exista unha alternativa ás etiquetas heterosexual e homosexual, xa que ata agora eran as únicas que limitaban o xénero da persoa que as posuía, non como bisexual ou pansexual, que non especifican nada.
Pois nestas latitudes fondeamos e o deixamos para manhá. Aprendeches algo novo? Se é así estamos encantadas pero fica a bordo que aínda agardan por ti outros océanos e mares por descubrir.
Está preparada que manhá saímos co sol!