Sermos o que QUEERermos
“Desde o meu punto de vista, [o xénero] é como se nunha corte de cabalos de carreiras, átaslles as dúas patas dianteiras á metade deles e as dúas traseiras á outra metade, esperando que corran unha carreira decente: non funciona. O xénero, esta cousa coa que se supón que nacemos, é unha grande restrición á autoexpresión. Para min, é algo que non ten ningún sentido. Por que teriamos que nacer con semellante obstáculo?”
Kate Bornstein
Que cona é a identidade de xénero?
A férrea historia dos dous xéneros, home e muller, xa non se suxeita. As etiquetas dos inconformistas non deixan de multiplicarse e hai quen se sente axénero, bixénero, panxénero, xénero fluído, trixénero ou de calquera cor do espectro genderqueer que non é nen branca, nen negra. Estamos no 2017 e a curiosidade está asasinando os xéneros cis.
As persoas de xénero non-binario son todas as que non viven a súa identidade de xénero como masculina nen feminina. Pode ser que sintan unha mistura de ambas identidades, ou ningunha, ou esas dúas máis outras, ou que flúen dunha á outra, o que sexa.
A identidade de xénero paréceme un termo un pouco difícil de comprender. Refírese á autopercepción subxectiva, como ti pensas no teu propio xénero, dá igual o que os demais proxecten en ti. Pero, para chegar ao profundo da identidade de xénero, inevitablemente tívenme que comer outras definicións.
Definicións e artigos, conceptos máis sombríos e cun cheiro que me desagradou. Falo de cousas como o rol de xénero (perdoa? O que merda?) ou incluso a expresión de xénero, que ao parecer está relacionada con como nos comportamos en sociedade. Lin que expresas o teu xénero ao sentarte, peitearte, vestirte ou xesticular dunha maneira determinada. E entón pensei: agarda aí, meu amigho, imos definir as cousas como na escola:
"O rol de xénero alude ao conxunto de NORMAS SOCIAIS e comportamentais xeralmente percibidas como APROPIADAS para os homes e as mulleres nun grupo ou sistema dado en función da construcción social que se ten da masculinidade e a feminidade."
Fode, non fode? Fere, non fere? Comportamentos apropiados para homes, opostos aos que se consideran femininos. Porén, semella que os vellos científicos homes cis brancos con cartos tampouco é que se poñan moi de acordo (ou que se atrevan nos nosos días) no que fai a unha muller unha muller de verdade ou a un home un ser verdadeiramente masculino.
Como ser unha muller de verdade
Os estereotipos de xénero cóntannos que, por ter nacido cunha vaxina, eu comparto con todas as mulleres uns rasgos de personalidade, uns modais e un certo aspecto físico, incluso gustos e aficións.
Entón, chegadas a este punto, eu hai movidas que xa non comprendo. Iso de sentirse unha muller, que é? É un sentimento, unha pertenza, unha certeza coa que naces, algo que é de teu? Sentirse unha muller. Será o mesmo no Congo, en Arabia Saudí e en Minesota? Faláronme onte da psicoloxía feminina. Pensarán do mesmo xeito a muller de Trump e a mociña que frega o portal do meu piso de Santiago, por iso de seren mulleres as dúas?
Ou… ou será un rol social, unha construción, un outro xeito de fabricar opresores e oprimidos. E entón, para salvarme deste mar de confusión, chegou a Teoría Queer.
God save the QUEER (theory)
“Os xéneros, as identidades sexuais e as orientacións sexuais son o resultado dunha construción social ficticia e arquetípica e que, por tanto, non están esencialmente ou bioloxicamente inscritos na natureza humana, senón que son formas socialmente VARIABLES.”
A min paréceme que si. A Teoría Queer é a queen das teorías e chegou para romper os moldes ríxidos deste mundo cisheteronormativo que respiramos. Formouse nos movementos de gais e lesbianas e bebeu da sabedoría do Feminismo dos anos 80. Moito ollo aquí, porque hai quen pensa que, se non cres no xénero estás en contra do feminismo. Como se polo feito de non comprender o que significa ser feminina, xa non tivese diante dos ollos a represión brutal que sofre a metade da poboación que, ao estar nunha caixa que di “muller”, é tamén tratada como feble, simple, inferior, delicada, necesitada ou até bruxa.
Desde o meu humilde punto de vista, a Teoría Queer é feminismo puro e inclusivo e chegou para repensar o papel da muller no porno, para pór sobre a mesa a regulación do traballo sexual e, en definitiva, para berrarlle ao mundo que o feminismo non é só o título da nova reunión das mulleres brancas cis no salón da súa casa de campo, senón que é un movemento inclusivo no que todas sodes benvidas, sexades lesbianas, transexuais ou o que vos saia da cona. Que o feminismo é noso e que o mundo é diverso até a enésima combinación.
Kete Fucking Bornstein
Aquí foi onde coñecín a Kate Bornstein e me namorei. Foi ela quen me falou do movemento genderfuck:
“Existe un fenómeno cultural que vén e vai a través de moitas civilizacións, e agora mesmo está comezando a rexurdir de novo. Hoxe, algunha xente chámalle a isto genderfuck. É o cruce intencional, a mistura e a combinación de sinais específicos de varios xéneros á vez. Pode que viras algúns exemplos. Pode ser que ti mesma o fagas. É a riot grl na súa minifalda, botas militares e a cabeza rapada. É o chaval gótico coa súa raia do ollo e os beizos pintados vestido de terciopelo negro, con satén cor borgoña e frívolos encaixes brancos.”
Kate
Con todo este rollo non pretendo negar nada nen contradicir a ninguén, pero pareceríame un mundo máis fermoso un no que fósemos quen de cuestionalo todo. Pero de verdade, todo, todo. Contáronnos moitas parvadas para nos controlar, ou chámalle para manter as relacións de poder se queres. O caso é, se ti mañá te ergues sendo do “xénero oposto”, á parte das presións sociais… que cambiaría en ti?
Se a túa resposta é “nada”, espero que este artigo te fixera gracia.
“En fin, aquí vai a pregunta: se o xénero é algo tan natural, entón por que aínda non foi escrito e codificado? Case todo o demais que é considerado “natural” foi algunha vez codificado. Por que non hai algún manual consensuado que lle podamos dar ao noso fillo e dicirlle, “ei, cariño. Isto é o que é ser un home de verdade. Apréndeo ben.”
Máis Kate
______________________________________________
Materiais de regalo (tipo Bibliografía do TFG)
Tódalas citas que empreguei neste artigo son do mesmo libriño, My Gender Workbook, de Bornstein. É unha especie de caderno de exercicios co que aprender a deconstruír o noso propio xénero e está dispoñíbel de borla en PDF. Déixovolo aquí, por se vos cunde:
http://www.yorku.ca/spot/caitlin/bornstein.pdf
(Se algunha de vós o quere ler de verdade, tipo "vaime o xénero niso", pero é das que non falan inglés, comprométome persoalmente a traducírllelo ao galego. Que por iso non fiques binaria.)
E se vos animades a ler a autobiografía de Feinbeirg, cheíña de ambivalencia entre as identidades masculinas e femininas e escrita desde o límite do xénero e a súa representación, aí vos vai Stone, Butch, Blues, de Leslie Feinberg.
http://www.lesliefeinberg.net/
Debatímolos nos bares.