top of page

Intersexualidade, a diversidade invisíbel



As persoas intersexuais protagonizan hoxe unha loita que tardarán tempo en ganhar. Como colectivo, enfróntase a problemas graves e diferentes aos doutros membros da comunidade LGBT+, como as ciruxías non consentidas e medicamente innecesarias a menores. Ademais, a miúdo, dentro dos LGBT+ vense invisibilizados por outras reivindicacións e a súa axenda pasa inadvertida nos medios de comunicación cando se tratan temas referentes á comunidade. Por iso, non hai consenso sobre se debería haber un I en LGBT+.


Porén, amigx intersexual, cremos que na comunidade LGBT+ hai lugar para ti sempre que o queiras. Porque aínda que as reivindicacións intersexo falan máis de corpos que de orientación sexual ou identidade de xénero, vós tamén sufrides o estigma de non ser como a xente esixe que sexades, de non ser “suficientemente muller” ou “suficientemente home” para pertencer ás súas estritas categorías; vós tamén opinades que non sodes vós quen tedes que cambiar senón a sociedade e as súas impositivas nocións sobre feminidade ou masculinidade.


Un dos principais problemas aos que se enfronta o colectivo intersexual é a invisibilidade. Isto fai que moita xente posúa nocións erróneas sobre o colectivo, así que o mellor é aclarar o concepto de intersexualidade.



Inter... qué?


Unha persoa intersexual é quen, ao nacer, non se axusta ás definicións clásicas de home ou muller por diferenzas nas gónadas ou tecidos produtores de espermatozoides ou óvulos (por exemplo, na intersexualidade gonadal verdadeira poden convivir nun mesmo corpo os tecidos testicular e ovárico), nos cromosomas sexuais (Klinefelter: XXY, un xenotipo excluído da dicotomía XX – XY) ou nos xenitais (persoa con xenitais de apariencia tradicionalmente considerada feminina e testículos internos). Aínda que falamos dunha situación que se dá dende o nacemento, os rasgos intersexuais da anatomía dunha persoa poden non ser advertidos ata máis adiante.


O problema é que a esta sociedade á que se lle pon dura cos xéneros binarios tamén lle amola que as pirolas, os clítoris, as conas ou os collóns non se asemellen ou non se sitúen no lugar que ela sinalou como axeitado. Loxicamente, este ideario chega ata xs profesionais da saúde que, no canto de axudar, en moitas ocasións fan dano amparadxs por un modelo de medicina que xustifica a violencia cirúrxica sobre as persoas de atributos infrecuentes.




Cirurxía curativa ou cirurxía estética?


O resultado é que ás persoas intersexuais se lles practican intervencións a idades que elxs non poden autorizar coa intención de corrixir os seus corpos. En ocasións se fala abertamente da cuestión estética: para minimizar o estigma que sentirá x menor por posuír un físico diferente e tamén para evitarlle posteriores dúbidas sobre a súa identidade de xénero. Outras veces, xs sanitarixs argumentan problemas de saúde futuros (como cancro na xente con insensibilidade a andróxenos, unha das situacións que se inclúen no amplo termo intersexualidade) moitas veces inexistentes. Deste xeito conseguen forzar a base de medo ás persoas que coidan dx menor a que acepten unha carnizaría, unha operación feita sobre quen non pode impedir a decisión tomada precisamente por ser menor e estar baixo a súa custodia legal.


Son moitos os tipos de operación que se practican (gonadectomía, ablación de clítoris legal, vaxinoplastia…) e moitas as súas nefastas consecuencias: infección, perda de sensibilidade na zona xenital, incontinencia urinaria, penetracións dolorosas, menopausa adiantada, terapia hormonal de substitución, non identificación co xénero asignado x bebé na reconstrución xenital, emprego obrigatorio de dilatadores vaxinais para que a nova vaxina sexa capaz de acoller un pene durante o coito…



Clítoris maior de 1 cm grande e ofensivo

Pene menor de 2,5 cm inútil para mexar de pé ou penetrar

Solución? Operar


Todo isto acontece mentres a persoa afectada non pode falar por si mesma e son axentes externos os que deciden o seu futuro, non sempre amparándose no que é mellor para ela. Cando medra e é totalmente consciente da mutilación á que se viu sometidx, xa non se pode facer nada. O sentimento de impotencia por non poder evitar a ablación que sufriu o seu corpo nalgúns casos é sufocante.



LGBTI ?



Podemos traballar xuntxs: intersexuais, cuír, trans ou cis, aproveitando as moitas metas en común que temos, xa que a nós esa merda de que unha muller ou un home só poden ter un tipo de corpo sónanos a probinarismo e nós mexámoslle enriba ao probinarismo.


Mólanos máis a idea de que existe un espectro de persoas enteiro no que hai homes con diferentes corpos, mulleres con diferentes corpos e seres humanos con corpos diversos, e só a elxs individualmente lles corresponde dicir quen son.

Á Natureza encántalle a diversidade, a sociedade ódiaa

Dr. Milton Diamond

Xa que foi a sociedade quen creou o estigma, ela é quen ha mudar.

Con lume e loita.


Queres ver máis?
bottom of page