Irmandiñas en pé de festa!
- May 9, 2017
- 3 min read

Era un sábado con xenio e nós estabamos de resaca. A música é unha das paixóns que nos fixo percorrer quilómetros durante anos. Esta vez a festa estaba a escasos metros da nosa casa. Estabamos cansas, falabamos con desazo, pero sentiámonos deseosas de verbena. Á unha do mediodía quentaba o sol e nós queriamos ledicia. Durante aquel día buscabamos esquecer as influenzas que nos converteran nesas cousas doentes que somos. A iniciativa da Verbena das Irmandiñas plantexaba a súa reivindicación de maneira clara: crear un espazo de encontro e difusión das formacións musicais constituidas fundamentalmente por mulleres.

Oîma Oîma Oîma Oîma
Oîma abreu a verbena sen Antía Ameixeiras ao violino pero cunha María G. Blanco que tivo moito de milagre para Olalla e Martiño. Coa súa mistura de música tradicional galega e europea espertaron as ganas de bailar de moitas das presentes. Está claro que cada vez será máis común ver o nome de Oîma rulando por carteis, porque talento non lles falta. O seu video de “Círculo de Preguiza” é un fermoso canto ao agro. Botádelle un ollo porque xudías, berzas e maínzo serven de nexo para traer os sachos ao escenario.

Sacha na Horta Sacha na Horta Sacha na Horta Sacha na Horta Sacha na Horta Sacha na Horta Sacha na Horta Sacha na Horta
As culpables de facernos pedir outras tres cervexas foron as compañeiras de Sacha na Horta. E cando hai arte, humor, desvergonza, enerxía e bo ambiente de por medio, a nós vólanos a tapa da cabeza e as verbas quedan tremendo nunha esquina do cerebro, espidas e medorentas. O sábado presentaban a Lucía Fernández como nova guitarrista; o perpetuo sorriso desta muller durante todo o concerto é perfecta mostra e resumo do alí vivido. Sacha son pura e auténtica festa. Tras cada concerto lamento non estar na casa axudando a plantar o que demo queira que esté en tempada. Cebolo, whatever.
Na praza o ambiente estaba tomado polo cambio climático, os bocatas servidos, a fideuá de camiño, e nós con ganas de durmir a sesta. Ás sete estabamos de volta con mellor cara e forzas renovadas. Despois da pausa había que seguir espallando as sementes de voces de muller.

Habelas Hainas Habelas Hainas Habelas Hainas Habelas Hainas
A percusión foi o inicio da música popular, e o cemento que uniu o canto e o baile. As Habelas Hainas son unha homenaxe á esencia máis pura da nosa música. Acordeón, gaita, pandeiro, caixón, tamboril, bombo ou pandeireta son algúns dos instrumentos que estas mulleres miman e dominan cunha versatilidade admirable. Vestidas de branco e con frores amarelas na cabeza trouxeron o espírito dos maios dende San Pedro e inundárono todo de frescura.
A orixinalidade da súa inquedanza musical fíxonos sentir nunha especie de Woodstock primaveral, tradicional e senlleiro. Un dos temas foi adicado á poeta universal Luz Fandiño, que como unha matriarca atendía emocionada ao concerto sentada nunha cadeira no medio da praza. A ovación que comezou ao escoitar o seu nome é mostra de que todas queremos ser coma Luz algún día. Os nosos poros transpiraban matria mentres o sol ía desaparecendo tralas casas da rúa da Acibechería.

Thetetas Van Thetetas Van Thetetas Van Thetetas Van
Chegaba a noite e a verbena estaba preparada para Thetetas Van. Un final acertado para unha festa que ninguén desexaba rematar. Nun momento dado todas fomos cativas inflando globos de cores e tirándoos ao aire, xogando falcatrueiras coa emoción nos ollos.
Hai un ton que provén da voz humana polo cal se pode recoñecer o verdadeiro esgotamento. Aparece cando unha tenta en corpo e alma abrirse paso por unha obstaculizada vía de pensamento. De súpeto atópase incapaz de seguir participando da masa. Algo do propio interior a detén. Prodúcese unha explosión diminuta. Estoupa en verbas e fala. Pequenas correntes marxinais da súa natureza que unha non sabía que estaban alí corren ceibes e exprésanse. E así foi como o sábado en Cervantes todo se tornou eléctrico. Dende o escenario forzas berraban e alzaban os brazos para formar coas mans poderosos triángulos. A enerxía que brotaba da voz das irmandiñas saltou do escenario e paseou dun lado a outro da praza.
Querían correr e berrar. Por un anaco, por unhas horas, só querían ser follas flotando no vento sobre a lousa laranxa. E todas tiñamos o mesmo desexo: ceibarnos.

Verbena das Irmandiñas Verbena das Irmandiñas Verbena das Irmandiñas
As vidas da xente son como árbores nun monte. Moitas delas están a ser abafadas por eucaliptos. Eucaliptos que son vellos pensamentos e crenzas sementados polos mortos. Pero iso que nos abafa pódese cambiar. Non precisamos demandarlles nada a festivais xa formados. O que pasou o sábado foi un feito. Oîma, Sacha na Horta, Habelas Hainas, Thetetas Van e a Asociación Cultural e Musical Cunajazz montáronse un festivalazo.
Longa vida á Verbena das Irmandiñas.
Longa vida a todos os festivais cunha presenza normalizada
de mulleres no escenario.
Rapazas, estamos en pé de festa!




















Comments