top of page

Menos mal que nos queda Portugal

"Terra da fraternidade Grândola, vila morena Em cada rosto, igualdade O povo é quem mais ordena"

Grândola, Vila Morena

Zeca Afonso


Abrín as ventás e un bafo de música colocounos o sorriso que nos levaría directas á rúa da Oliveira. Dentro da Taberna a mesa descansaba, os restos da batalla confirmaban a súa derrota ante o bando dos comensais. Os vampiros, famentos, comeran todo e non deixaran nada. Sobrevivían no ar aromas de caldo verde, boliños de bacalhau, rissóis de cogumelos con arroz caldoso de tomate, pastéis de nata e ginja. A diferencia das festas da aldea, no Couto Mixto a sesión vermú chegou despois da comida. Trala enchenta desprazaron o mobiliario e converteron a Praciña da Oliveira no campo da festa. A sombra ás 4 da tarde era pouca, mais o sol non consigueu derreter os vasiños de chocolate das ginjinhas.




A festa correu a cargo de Xose Constenla, O Leo e Roberto Sobrado, acostumados xa a tocar xuntos. A base de rigorosos turnos foi pasando a tarde entre cancións propias e música dese feiticeiro Portugal que volca alma en cada composición. Zeca Afonso foi o protagonista indiscutible da xornada, personificado na voz de Tiago Torrinha. Pasou o tempo e comezou a regueifa, mentres as meniñas corrían descalzas de ataduras, rubindo ao olivo e chamando pola nai.


O día 25 de abril de 1974, o programa Limite da Rádio Renascença emitia a canción Grândola, Vila Morena de José Afonso. As tropas arrancaban dos cuarteis, a revolución non tiña marcha atrás. Por primeira vez, a liberdade enchía as bocas daqueles que a falaban. O sábado Xose, Leo e Roberto entoaron o tema, e con eles a xente que enchía a praza. Erguéronse os puños e molláronse os ollos, pois Grândola non é tema sen bágoas. Falouse alí unha linguaxe non escrita, aquela que só entenden os que saben ler nos ollos das vacas.


E despois do adeus, quedaron en nós as ganas.


Na madrugada do 25 de abril de 1976, os portugueses ouvían saír da radio unha canción prohíbida polo rexime fascista de Salazar. Era Grândola, Vila Morena de Zeca, que aínda hoxe pon a pel de galiña. Cincuenta anos de rexime conservador, colonial e represivo a agonizar na radio, a descompoñerse dentro dos fogares das xentes sorprendidas, que non podían crer que estaban a ouvir a apaixoada voz de Zeca Afonso, por fin libre.


A retransmisión era o segundo sinal do Movimento das Forças Armadas para ocupar os puntos estratéxicos do país. Grândola era esa madrugada un berro de esperanza, unha esixencia da soberanía popular. Unha hora máis tarde e case sen posibilidade de resistencia, caía a ditadura salazarista.


Derrubouse (que gustiño dá pensalo), podre e sen apoios. Na radio, as voces dos revolucionarios do MFA pedían calma. Pero era difícil que a xente ficara parada ante semellante momento histórico e, na madrugada do 25 de abril, o pobo inundou as rúas de Portugal sentíndose liberado.


Por suposto que houbo ordes de rematar coa revolución pola forza, pero non foron escoitadas por quenes se supoñía que debían, outra vez, dar paos e meter chumbo no corpo dos seus compañeiros. Na mañá do 25 de abril, as rúas estaban cheas de xente e a xente chea de craveis vermellos, a flor da tempada coa que saíran festexar.


Celeste Caeiro era unha camareira lisboeta que voltaba á casa esa mañá. Cando pasou pola Praça do Rossio, un soldado, canso e cheo de frío á espera de novas ordes, pediulle a Celeste un cigarro. Ela, que non levaba ningún, deulle un dos seus craveis vermellos. O soldado colocouno no canón do seu fusil e os seus compañeiros repetiron o xesto, en sinal de que verdadeiramente non querían disparar a ninguén nesa inesquecível mañá de abril. Mentres, en España, Franco cagábase de medo, encollíanselle as pelotas e maldicía a valentía do pobo veciño.



Queres ver máis?
bottom of page