top of page

VisibiliTRANS

Marzo foi o mes da visibilidade trans por excelencia. Os días 15 e 31 son moi importantes de cara a saírmos á rúa sendo persoas que realmente amamos a nosa identidade, xente transxénero, e tamén son fundamentais para que as novas xeracións nos vexan camiñar con dignidade... tal e como que somos. Por desgraza, a escolla destas datas como días trans-friendly é bastante recente.


Dado que hai pouco tempo que se celebran estas festividades, estiven pensado... que facía eu antes de que houbera un mes pro-visibilidade? A resposta fai que me queira pegar un puñazo: NON FACÍA NADA. Ultimamente fixen unha viaxe á infancia vía memori, lembrando algúns dos momentos nos que puiden terme comportado de xeito que mostrase o meu orgullo por pertencer á comunidade trans e non vergoña ou rexeitamento, como fixen no pasado.


Cando xogaba cos rapaces ao fútbol e a miña nai me chamaba a atención porque eses non eran os modais dunha cativa e, ademais, enlixábame (#traxedia) o único que facía era baixar a cabeza e soportar a reprimenda o mellor que podía. Xa sei que era outra época, pero a miña vida podería ter mudado cara mellor se daquela erguera o pescozo con ostentación e dixera: “pois ídevos á merda, eu quérome moito”. Sei que habería momentos duros despois pero no cómputo global felicidade/tristura creo que sairía gañando.


Lembro que as rapazas do meu colexio só xogaban con bonecas e cociñas de xoguete. Eu levábame moi ben cos rapaces pero, oes? A ratos molábame andar coas chavalas. O problema é que non podía xogar con elas porque todas me rexeitaban por non querer facer o que elas facían (que a min parecíame aburrido a nivel supernova). Ogallá lles tivera dito: “non queredes xogar conmigo? Pois vós volo perdedes, fodemerdas do carallo”.



E coa vestimenta sufrín as miñas, tamén. Por que conas a miña nai me obrigaba a levar esas medias que picaban, esas saias que deixaban ver todo en canto me subía a unha árbore, eses zapatos-chaparrita que non servían nin para xogar ao paredón? Por que cando me creceron as tetas tiven que pór un bikini no verán e no resto do ano fun obrigada a engaiolar o meu peito nun suxeitador? Oh, impotencia! Se poidera dar marcha atrás, iría á miña infancia/adolescencia e dedicaríame a facerlle cortes de manga a todo o mundo.


Esta suciedade na que vivimos provocou que a xente que me quería se vise obrigada a poñerme normas segundo o sexo que me asignaron ao nacer. Normas sobre cousas que, no grande espectro da vida, son irrelevantes, como a vestimenta ou a maneira de comportarme segundo o meu xénero, pero que eu tiña que obedecer se quería ter a festa en paz.


Que tempos nefastos! Desexaría tanto non terme comportado desa forma senón ter sido unha verdadeira filla de Punkostela e amañar os problemas de identidade de xénero cunha actitude agresiva e unha impoñente crista! Pero o rollo do tempo é que non se pode volver cara atrás así que a única solución é afrontar o futuro o mellor que poida. Como? Con visibilidade.


Non podo remediar as inxustizas que sufrín na miña infancia, pero podo ser unha canle a través da cal as rapazas e os rapaces trans vexan que existe unha vida feliz da que poden desfrutar máis aló do mal que o estiveran pasando até o de agora.


Así que á merda ca roupa que queren que vista, que afoguen no váter os pronomes que non me representan, que arda o bus de HazteOír! Co binder ben axustado loitaremos ata a total destrución dos roles de xénero e a transfobia!

A visibilidade trans é necesaria tanto para os que somos como para os que virán. Así que grazas, xente visible, grazas marzo e vémonos en xuño!

Queres ver máis?
bottom of page