Cave Story rompendo o Embora
Fóra está a chover. As goteiras tintan a parede do edificio de en fronte e todo cambia a través da ventá. Algún artista descoñecido está a pintar escuridade. Dentro sona Cave Story e o ambiente na estancia é cálido. Os temas do West van avanzando no bandcamp e recoñezo algunhas cancións do concerto do sábado 25 de marzo no Embora. Sería todo moito máis bonito se puidese dicir que o que sona é o vinilo dando voltas no reproductor, pero ai! de min se me comprase os discos de todo canto grupo pasa por Compostela. Sobre todo dende que a xente empezou a montar concertos increíbles que merecen o total respecto e confianza de quen sempre estivo aí. As mesmas caras que se saúdan nos xa míticos locais e que se miran asentindo cando ao segundo tema se dan conta de que o concerto vai a ser especial, espacial, exponencialmente bo. Somos animais de directos, carnaza de ruído.
A xente da Melona é un deses colectivos que está a facer cousas por esta cidade. Os estilos que abranguen gustarán máis, gustarán menos, pero os rapaces están creando un movemento que alcanza tintes tochos. Tinta que se esparce abarcando Galicia e Portugal, creando conexións que enriquecen en todos os sentidos. O cadro resultante é profesional e necesario. Había que encher un baleiro e eles quixeron tirarse sen corda. No fondo dese baleiro estábaos esperando un grupo de xente que tiña as mesmas inquedanzas que eles e que soupo agradecérllelo apoiando os eventos que montaban. Mantivéronos vivos e sen ningún rasguño. Os próximos 5, 6, 7 e 8 de abril de seguro asistirán ao Melona Fest, unha especie de orxía musical, cinematográfica e sensorial que o meu clasicismo musical descoñece, pero respecta. Realizaron unha gran labor organizativa na que participan moitos locais e colectivos culturais de Compostela, convertindo a irmandade cultural na súa gran forza. Xa moitos medios guais falaron do festival, así que eu estou aquí para cuspir palabras sobre os preludios que se marcaron nestas últimas semanas.
Por non asistir ao concerto de Still Shit Do Drugs case choro, porque me enterei tarde e porque polo que parece foi un bolo de proporcións épicas. Un vistazo á sesión dos de Seattle na KEXP faravos chorar tamén a vós se o 16 de marzo. non estivéstedes no Embora. Se non vos dan ganas de romper con todo escoitándoos estades mortos por dentro. Por todo isto non me ía perder o segundo preludio, esta vez con Cave Story, grupo co que comezou este artigo antes de que perdese o fío e a cabeza. Tres agradables rapaces procedentes de Caldas da Rainha que nos fixeron menear o bullarengue como nenas pequenas (literalmente, aquí podedes ver un dos vídeos máis riquiños da historia). Acabaron o concerto con ganas de destrozalo todo - para non ter que recoller instrumentos e mandangas - e coa necesidade de beberse mil Estrellas que lles axudasen a recompoñerse. Todos os presentes sorrían, a pesar das correntes de humanos que atravesaban o local de este a oeste e de norte a sur para mexar, beber ou calquera outra razón que pode ou non ter que ver co nome do primeiro grupo. Increíble o son, o repertorio e a enerxía destes portugueses aos que seguro lles seguirei a pista.
Obrigadas, Cave Story, pelo concerto e a ganda electricidade que lá se creou. Vocês são muito fixe mesmo.