top of page

Arriba as tetas e as poetas

Escoitara falar delas, pero nunca antes as ouvira.

Entonces chegou o día en que as vin, as ouvín e finalmente entendín todo:

o noso futuro son as mulleres poetas.


Non sei ata que punto o meu descoñecemento en canto a poesía foi unha elección particular. Quizabes os mellores poemas (aqueles que despertarían o meu interese na materia) estén ocultos ao final do libro de Lingua e Literatura Galega, naquelas follas amarelas que pouco importaban de cara á selectividade. Fun educada nesa manía de reconstruír unha e outra vez discursos políticos e literarios que amordazaban vangardas enteiras, deixándoas así morrer e converténdoas en denigrante materia vinculada. Fixéronme tragar biografías e bibliografías de autores de narrativa como se fosen un enorme pene. Priváronme de poéticas caricias e teatrais orgasmos; o falo tiña que entrar de maneira brusca.

Entonces chegou o 11 de marzo de 2017 e acudín por primeira vez a unha actuación de Dúas gamberras e un micro na Taberna da República do Couto Mixto. Mentres elas recitaban eu escribía cun rotulador violeta. Tomei apuntes de maneira delicada, tal e como me ensinaron, pero as verbas non se borraron cando a poalla mollou o papel. Non temos nin idea da forza que pode ter o que escribimos, por iso a literatura tratou de ocultar durante moito tempo as voces máis temidas: as das mulleres. Nuria Vil e Vanesa Glemsel, Dúas Gamberras e un micro, son coñecedoras desta realidade. Recitan alí onde lles deixan, ocupando a palabra e revolucionando galiñeiros. Aquel sábado viñan de impartir un obradoiro-espectáculo durante a xornada de Arte-llando Igualdades Participativas, organizada polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG).


Esa mesma noite inaugurábase no Couto Mixto a Quinta Parede do espazo artístico Os Catro Gatos, con obras de Ines Salvalde e Delio Sánchez. O local tivo que reinventarse para que colleramos todas as que quixemos asistir ao evento. As dúas gamberras chegaron ao Couto animadas e acompañadas dalgunhas das rapazas que asistiran ao obradoiro. Tras unha representación humorística do poema "Miña Santiña" de Rosalía, final da actuación de Vanesa e Nuria, foron elas as protagonistas. A micro aberto deleitáronnos cos poemas que elaboraran durante os exercicios da tarde. Esta orxía de sensacións debilitou o meu espírito de pedra, entallado pola LOXSE, e fíxenme barro. Deforme e libre, quixen saber máis.

Paulatinamente, o aumento das mulleres no menosprezado terreo da poesía foi renovando a lírica por moverse en coordenadas diferentes ás da maioría dos autores masculinos. Educadas no discurso das marxes, fixeron das beiras un poderoso imperio. Buscaron outras posibilidades e alcanzaron a gran eclosión: da marxinación no panorama literario naceu a actual proliferación poética. Para isto será clave a recuperación da imaxe de Rosalía de Castro, non como poeta do sentimentalismo e a morriña, senón como gran defensora da feminización da muller. Recupérase á verdadeira escritora, aquela que non quería cantarlle aos paxaros e ás frores senón a sí mesma e á súa condición de muller en canto creadora.


Daquelas que cantan as pombas i as frores todos din que teñen alma de muller. Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma, ai! de que a terei? Rosalía de Castro. Follas novas (1880)


Alá polos anos 80, movidas polo desexo de buscar novas vías para a difusión da palabra poética, crearon plataformas para a publicación dos seus textos: editoras alternativas, fanzines ou revistas como Andaina (Santiago de Compostela, 1983) e Festa da Palabra Silenciada (Vigo, 1983). Revitalizaron ademáis a práctica oral mediante recitais e espectáculos diversos, convertendo a súa tarefa en algo colectivo e tanxible. Nos últimos anos é notable o aumento de citas nas que a poesía recitada se afianza como protagonista. A través das verbas libérase un esplendor que nos ataca e conmociona de maneira necesaria. O verbo impacta de cheo en todo o noso ser, os versos arrastran os nosos pensamentos e fanos reais na boca da poeta que quixo subirse a un escenario e berrar. Berrar contra todo. Provocan sen intención de provocar, pero a puta realidade incomoda. Saben que a arte ha de mancar e desgustar, e non hai mellor lugar para tal fin que os bares.


Eu son pequena e triste dende a primeira violación non levo bragas Os paxaros son vingativos lembran que lles roubo os ovos e esnaquízollos nos penedos non o fago adrede é a norma imposta polo meu violador para seguir a gozar do seu capricho.

Isolda Santiago. Flor de tan mal xardín (1994)

Aínda que aos nosos cegados ollos non o pareza, as mulleres levan moitos anos beliscándolle os ovos ao mundo da literatura. Porque un día descubriron que a palabra era a maneira de destapar sentimentos e perversións que levaban moito tempo silenciados. Reafirmadas na súa condición feminina, as poetas afanáronse por elaborar o seu propio universo mítico, reescribindo os tópicos clásicos e subvertendo modelos actuacionais impostos polo poder masculino. Esta vía de rexeitamento non se esgota en figuras míticas como Penélope ou Heloisa, senón que recorre tamén a tipos denigrados pola sociedade, aquelas que foron castigadas e estigmatizadas como perversas por non axustarse a un cánon de comportamento. Recupérase a figura de Medea, arquetipo de bruxa ou feiticeira, que compartía a súa condición de muller autónoma e inusual, contraria ao prototipo da época, con Calipso ou Circe, entre outras.


Así falou Penélope:

"Existe a maxia e pode ser de todos.

¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMEN NAVEGAR"

Xohana Torres. Tempo de ría (1992)

Que eu non son daquelas que cantan as flores e as pombas das que se resignan ante o desamor. E rezan e consumen bágoas sobre da almofada. ¡Non! ¡Eu son Medea! Luz Pozo Garza. Medea en Corinto (2003)

Durante moito tempo insistíusenos nun sentimentalismo fundamental para o lirismo galego, pero lonxe da institucionalidade o cancioneiro era delicadamente sensual. A muller asumeu un papel activo e quixo expór as súas sensacións eróticas, a vivencia íntima da súa sexualidade liberada xa de calquera tipo de tabús. Esta figura de muller forte e insubmisa, que cuspe verbas que fan tremer aos rezos, todavía se mantén cativa a ollos de moitos. A relación co corpo, un dos topoi máis frecuentados polas escritoras galegas, redunda en temas tan polémicos como a maternidade, abordada dende a vontade de reapropiación da anatomía feminina ou dende a negación en canto á imposición do patriarcado.

Sangro, sangro

sangro, tanto coma un home, ou máis

Lupe Gómez. Pornografía (1995)

Estou alegre e non estou preñada.

Lupe Gómez. Levantar as tetas (2004)

buscádeme nos veigais que eu ando ceiba e non libo máis pracer que os vosos cus estampados de carqueixas e herbosas. atempero as grutas e reparto millacas e flor de codeso, debuxo sobre as rochas os amantes e permanezo ladeira contra o sol verquendo o leite.

Olga Novo. Nós nús (1997)


A poesía é o froito de moitas tensións que conflúen, contraéndose e expandíndose, nunha presada de versos: a aldea, a cidade, a matria, a lingua, A NAI, a dor, o amor, as drogas... Todo habita nesa poesía espida, chea de cristais e magma, que foi, é e será un acto de afirmación, un cuestionamento punk das esmagadora e rutinarias normas morais. Marchei aquel 11 de marzo cun poema de Nuria Vil na cabeza. Non quixera destrozalo, pero dende entón teño a imaxe dunha nai arrebolada polo chan da cociña, coa louza sen fregar e a casa sen barrer, mentres a avoa a mira, asinte e ri.

Isto é unha reivindicación da poesía nos bares, locais nos que sempre se xestou a riqueza do underground. Un lugar para actuar como nenas pequenas que deixan caír unha verdade dolorosa e suprema no medio dunha aborrecedora reunión de adultos. Berrar fóra da institucionalidade, buscar a liberdade cuspindo sangue pola boca, é a ferramenta máis potente do feminismo. O directo do recital crea unha mistura entre a inocencia, a obscenidade, a incorrección, a lascivia e a sordidez que non deixa a ninguén indiferente. Este estaurido cósmico ten a forza necesaria para ateigar os locais de Compostela.


O caso é que sería inxusto non mencionar a gran cantidade de publicacións que vos podedes atopar nas librerías. Basta unha ollada polos estantes de poesía para comprobar que a literatura galega devece polas voces valentes. A verdade e a raiba tamén se palpan nos versos que as súas mans trazan con afecto. O momento da escrita é aquel de absoluta liberdade, sendo o seu poder catártico o responsable de que se bote fóra moita merda que pesa e apena. A través dun discurso directo enfróntanse da maneira máis visceral a unha realidade patriarcal e violenta que xa nos ten fartas.

Quixera nomear aquí a todas as poetas galegas e compartir un anaco do seu traballo, pero sónchevos moitas e isto acabaría converténdose nunha lista máis que tragar sen amor. A solución? Pasearnos polas librerías da zona vella e achegarvos as súas recomendacións:


Libraría COUCEIRO

 

- Rebeca Baceiredo. O canto da Sibila. Editorial Galaxia

- María do Cebreiro. Os inocentes. Editorial Galaxia

- Marta Dacosta. Na Casa da Avoa. Editorial Galaxia

- Pura Tejelo. A elegancia do século. Editorial Xerais

- Marga Tojo. Últimos bruídos. Edicións Positivas




Libraría LILA DE LILITH

 

- Antoloxía que recolle poemas da activista india Thamizhachi Thangapandian con poemas de autoras galegas como María Reimóndez, Susana Sánchez Aríns, Doures Tembrás, Marta Dacosta e Patricia Meira. A violencia dun sorriso. Editorial Implicadas.

- Antoloxía poética. 18 autoras e autores galegos que naceron entre 1985 e 1997. No seu despregar. Editorial Apiario.

- Rosalía Fdez Rial. Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016). Editorial Pigmalión.

- Charo Lopes. De como acontece o fim do mundo.

- Andrea Nunes. Todas as mulleres que fun. Editorial Corsárias.

- Silvia Penas. Biografía de multitude. Editorial Espiral Maior.

- Luz Pichel. Tra(n)shumancias. Editorial eme



Libraría CHAN DA PÓLVORA

 

- Iolanda Aldhei. O segredo de Sheela na Gig. Editorial Sons da Terra Verde

- Xiana Arias. Acusación. Editorial Galaxia

- Yolanda Castaño. O libro da egoísta. Editorial Galaxia

- María do Cebreiro. O deserto. Editorial Apiario

- Olalla Cociña. Ningún Precipicio. Editorial Toxosoutos

- Luz Pozo Garza. Rosa tántrica. Editorial Alvarellos

- Lupe Gómez. Azul e estranxeira. Edicios do Castro - Lupe Gómez. Camuflaxe. Editora Chan da Pólvora

- María Lado. Oso, mamá, sí? . Editorial Xerais.

- Antía Otero. O cuarto das abellas. Editorial Xerais.

- Chus Pato. Urania. Editora Chan da Pólvora.

- María Reimóndez. Moda Galega. Edicións Positivas.

- Ana Romaní. Estremas. Editorial Galaxia

- Susana Sánchez Aríns. Seique. Editora Através

- Xohana Torres. Elexía a Lola. Edicións Engaiolarte.

- Eva Veiga. Silencio Percutido. Editorial Espiral Maior







Queres ver máis?
bottom of page