top of page

Nin febles, nin submisas


En Punkostela somos amigas de saír. Saídas sempre acompanhadas de vasos e máis vasos de alcol: birras, chupitos, cubatas, o que sexa, sabemos o importante que é non deshidratarse. Ás veces estamos a pasalo tan ben que descoidamos as nosas bebidas o cal pode ter consecuencias desagradábeis.


Dende Punkostela non pretendemos ser alarmistas nin dicirvos que deixedes de divertirvos. XAMAIS. Só queremos adicarlle un pequeno espazo deste blog a unha realidade que nos concerne a todas e que está aí fóra. Cal é esta realidade? Pois que no mundo existen unha serie de subpersoas que son o máis baixo de canto ten boca, que se atopan máis preto das bestas mitolóxicas que do ser humano, que non lle tenhen nada que envexar a un cancro, que actúan sempre dende o egoísmo, a deshonestidade, a perversidade, e a ruindade e que non os refrea danar e vexar a outras persoas para satisfacer os seus miserentos instintos. E pode ocorrer que no transcurso da festa nos atopemos con eskoria deste tipo e, por mor da submisión química, esteamos á súa mercé.


O termo submisión química fai referencia á administración de substancias a unha persoa co obxectivo de que baixe a garda e conceda facer cousas que, sen estar baixo o efecto dos fármacos, non aturaría. Pode empregarse para roubar, xa que a vítima tórnase dócil e influenciábel pero o caso máis habitual é a agresión sexual.


A meirande parte das substancias empregadas con esta fin introdúcense na bebida sen que troque o aspecto ou o sabor desta, polo que non se perciben, e existe todo un catálogo de compostos para a submisión química: gammahidroxibutirato ou GHB (tamén chamado éxtase líquido), alcol, benzodiacepinas (Rohypnol® ou flunitrazepam, oxazepam, bromazepam, triazolam…), atropina, escopolamina (a famosa burundanga), ketamina, zolpidem… Son moitas e doadas de conseguir e escóllense porque producen desinhibición, sedación, desorientación espazotemporal e, sobre todo no caso das benzodiacepinas, perda de memoria de todo o que acontece trala súa toma.


Tamén son de efecto rápido e curto polo que o agresor pode actuar rápidamente trala administración e, cando a vítima esperta, as substancias no seu corpo poden ser case indetectábeis na análise clínica, polo que sería difícil probar nun xuízo que a persoa afectada só consentiu á actividade sexual por estar baixo o efecto da droga.


Isto non ten por que acontecer pero, se algunha vez vos vedes nesta situación, hai unha serie de pautas que podedes seguir para que ese violador de merda non quede impune:


  • DENUNCIA. Que collan e condenen ao violador non vai mudar o que che pasou pero ese energúmeno merece un castigo porque NINGUÉN PODE TOCARCHE SE TI NON O AUTORIZAS DE FORMA XENUÍNA E LIBRE DE INFLUENCIAS QUÍMICAS.

  • NON PERDAS O TEMPO. Estas substancias poden producir un espertar confuso, cheo de recordos vagos e imprecisos pero ante a dúbida, diríxete ao centro de saúde máis próximo para un exame completo. Se tes dores, sangue, non tes posta o roupa interior, estás lonxe de lugares frecuentados ou tes a sensación física ou o recordo inexacto de que mantiveches relacións sexuais sen o teu consentimento é moi probábel que foras vítima dun asalto sexual mediante submisión química. Non o penses e pide axuda de inmediato, cada minuto que pasa, o teu corpo elimina máis da substancia que che someteu.

  • NON TE DUCHES. Probabelmente desexes darte un banho e limpar o teu corpo pero iso é contraproducente xa que eliminarías as probas físicas da violación. Non é doado atopar estas evidencias porque, ao contrario que noutros casos de abuso sexual, non adoita haber lesións vaxinais xa que a vítima é incapaz de opor resistencia, polo que os únicos sinais de contacto sexual co violador poden ser restos de seme ou pelos pubianos que permanezan en ti trala violación.

  • NON TE TORTURES. É moi frecuente, entre as vítimas destes crimes, sentiren vergonha e culpárense do acontecido, sentimentos que poden chegar a frear ás mulleres á hora de procurar axuda médica ou denunciar. Busca o apoio de amigas ou familiares que che acompanhen nestas primeiras horas se o precisas pero recorda que ti soa tes que convencerte de que non fixeches nada malo. Ti tes dereito a saír de festa e tomar o que queiras pero que esteas incapacitada para dar unha negativa non lexitima a ninguén a aproveitarse de ti.

 

Ningunha de nós é totalmente allea a estes crimes. Aínda que tenhas forza dabondo ou sexas rápida para a fuxida, baixo o control destas substancias transfórmaste nun monicreque que non berra, corre ou se defende senón que caminha ao lado do seu agresor coma se fose a súa cadela.


Non deixes de saír, beber e divertirte, nós non queremos iso. Só buscamos que conhezades unha realidade terríbel que está aí fóra e aproximarvos unha pouca de información sobre como son estes delitos e estratexias para poderes reaccionar. Agora xa sabes o que hai e tamén sabes que non ten por que ocorrer así que sae de festa, bebe, rite, desfruta, baila, canta, fode… podes facer o que ti queiras. Es unha muller.


Queres ver máis?
bottom of page