O canon ata na cona
A existencia do infame ideal de beleza feminino non é algo novo. De feito, é tan lonxevo que o trazo máis prezado durante un tempo troca máis tarde nunha eiva indesexábel. A medida que o prototipo do fermoso foi asoballando ás mulleres da sociedade occidental, as normas que o componhían multiplicáronse e tornáronse máis esixentes, por iso non é de estranhar que en canto os adiantos científicos permitiron o emprego do bisturí para “amanhar” fealdades, esta práctica se impuxera rapidamente.
Segundo a imaxe imperante da muller fermosa, as cousas que poden ir mal no corpo dunha muller normal son innumerábeis e esténdense por toda ela. As nosas faces son susceptíbeis dun festival de operacións: rinoplastias, blefaroplastias (pálpebras), queiloplastia (beizos), inxección de toxina botúlica, implantes de silicona, otoplastia, lifting… Os nosos peitos poderían ser máis grandes, máis pequenos, estar máis xuntos ou pasar por un reposicionamento dos pezóns; o mesminho que os glúteos, que poden erguerse e baixar coma un ascensor. Ademais, calquera parte da túa anatomía préstase á eliminación da graxa que a constitúe ou o pelo que a recobre. Este último si que é o réxime imperante: as mulleres grandes ou con pelo comen soas.
Porén, existiu unha parte do corpo feminino que durante anos non tivo canon de referencia pero dende que a imaxe da cona pelada se propagou no imaxinario colectivo como a fodida peste bubónica, a beleza esixente chegou aos xenitais femininos. Sen pelo que os agochara, volvéronse doadas vítimas do escrutinio púbico.
A listaxe de “erros” vulvares medra cada día. Ao parecer, os teus beizos vaxinais poden ser demasiado grandes. Ou demasiado pequenos. Ou semellar demasiado avellentados. Que importa? A cousa é que non é bonito, non é estético, non é normal. E non só atinxe aos beizos. Ás veces – e non podemos dicir isto coa suficiente carraxe - o problema é o clítoris! Quizabes el ou a súa carrapucha non tenhen o tamanho axeitado. Tamén lle podes practicar unha liposucción á túa pube se achas que ten graxa dabondo (sempre, sempre gordofobia) e se un día te ergues pola manhá e decides que poderías ser máis virxe, tes a opción de reconstruír o hime.
As recentes modificacións vulvares son admitidas máis rápido agora que antes por unha sociedade impasíbel, que non deixa que as mozas valoren os atributos que as diferencian das demais senón que as sentencia a unha gaiola de autorrexeitamento, obrigándoas moralmente a escoller entre un cambio corporal ou a insatisfacción. Conas máis estéticas? Isto xa é a pota que colma o váter.
Como muller, es libre de escoller o teu caminho para chegar á beleza que desexas e se a ciruxía é a túa opción, tes dereito a levala a cabo. Así e todo, aínda que pareza que é un propósito de teu nunca esquezas o poder que ten esta civilización ladina para enchouparnos o cerebro con ideas alienantes dunha maneira tan sutil que, a posteriori, cremos que son pensamentos propios. Por iso cóidate de non ser escrava do paradigma do que tentas fuxir por creres que actúas segundo a túa vontade, xa que poderías estar nutrindo á mesma máquina perversa que somete ao resto das companheiras.
O máis importante é que, fagas o que fagas, sexa a túa decisión. Xamais cedas ás presións dos que dictan os mandamentos da fermosura e non permitas que che fagan sentir insegura. Ti tes beleza no teu corpo e como decidas potenciala ha nacer só de ti e non dun catálogo de Inditex. Sé libre e independente, e lembra que someter ao teu corpo á acción dun bisturí pode ser perigoso así que, se podes, escolle sempre a alternativa máis saudábel para modificar a túa apariencia externa de forma SEGURA e LIBRE.
STOP gordofobia, STOP pelofobia, polas conas ceibes!