Hazteoír faime rir
Dende Punkostela sempre vos dicimos que está ben facerse escoitar e cando o facemos agardamos vervos na rúa berrando consignas a prol da igualdade, da aceptación e do troco desta sociedade por unha máis xusta. O problema xorde cando quen fala son unha morea de primates anteriores aos polgares que semella obtiveron o don da palabra dunha tómbola máis que por mérito intelectual.
Onte o grupo ultracatólico hazteoír esnaquizou millóns de anos de Evolución humana ao impulsar a saída dun bus que percorrera Madrid e outros puntos da península ibérica no que se podían ler mensaxes transfóbicas. A nós resúltanos irrisorio como este conxunto de procariotas unidos S.A. responden ante a “problemática trans” atacando a quen son máis vulnerábeis: as rapazas e rapaces en idade escolar.
Porque para un ser que na escala evolutiva está á altura das fodidas diatomeas debe ser moi lóxico ilegalizar o aborto para defender á infancia e despois negarlle ás nenas e nenos o dereito fundamental de ser quen son. Deste xeito, as bágoas que verten as familias con menores trans son para eles o glorioso resultado da súa loita, unha loita nobre e de elevadas metas nas que a inxustiza e o irracional se entretecen formando unha sociedade hostil para o colectivo máis desprotexido.
Non ten xeito de ser que un grupo que inverte o seu tempo na protección de cativos e cativas fale das medidas legais que as amparan como “leis de adoutrinamento sexual”. Quizais estes seres unicéfalos, que buscan ir ao ceo convertindo a vida do resto nun inferno, crea de verdade que a sociedade está sendo aleccionada en favor das asociacións lgtbi+ e que eles non adoutrinan senón que levan a cabo o arbitrio de Deus.
Pois sabedes que, bechos premitocondriais? Deus é amor, polo tanto ama a vaxina dos nenos, o pene das nenas e os xenitais das persoas intersexo. Isto non queda así, desta vez non vos imos deixar ganhar: a loita das persoas trans chegará máis alto que eses xuízos de fariseo que largades tan gratuitamente.
E devolvédelle o puto bus a Matusalén.