top of page

Tempus birrit, vémonos nos bares?


Queremos ser útiles, prácticas, eficaces, funcionais. Servirvos a vós, á sociedade e ao concello para que a economía medre e o resto das cidades nos collan moita envexa.

Veña, non, é mentira. Querémosvos ver nos bares. Que non teñades escusa para non estar na rúa sexa domingo ou mércores. Porque cremos cegamente na importancia da veciñanza e da convivencia social, da vida dos barrios e de partillar vivencias entre todas nós, habitantes da cidade.

Con esta fin soñada de vos ver a todas felices e revoltas ao ar libre, fixemos unha recopilación dalgúns locais da zona vella cos seus horarios e localizacións, marcando aqueles que abren até a madrugada e os que teñen as nosas tapas suculentas favoritas, especificando as opcións vexetarianas e veganas. Non están todos os que son nen son todos os que están, este é un proxecto de grandes dimensións que queremos desenvolver se achamos que é útil para vós, para Compostela, para a troula. A poder ser, gustaríanos que fora participativo e aberto.

Se é domingo, dan as 3 da mañá e vos botan do bar, pero vós estabades nese intre no medio dunha conversa existencialista marabillosa, desas que abren novos universos mentais, non vos preocupedes. Hai vida (e moita!) os domingos de madrugada en Compostela. Punkostela sabe que esas conversas poden mudar o mundo tal e como o coñecemos e quere axudar.

Descargade o PDF canto queirades, levádeo con vós, nel están as horas e os días nos que pechan eses locais que nos gustan. E no futuro haberá máis, novas versións actualizadas para que non decaia. Tamén quixemos aportar un mapiña (que agardamos se fará maior no futuro) para que saibades o local que tedes máis preto en cada situación. E aceptamos encantadas todo tipo de suxestións, para que esta idea de servizo á festa medre máis e máis.


·Clickade na imaxe para abrir a versión PDF do horario dos locais da zona vella de Compostela·

Queres ver máis?
bottom of page