top of page

Sexo, conas e poliamor!

Pensástedes algunha vez no triste que resulta a educación sexual que se imparte nos colexios? Esa idea do sexo como unha persecución da reprodución da especie na que todo xira entorno a introducir algo dentro doutra cousa. Que fastío! Que agoiro de sexo falocéntrico e coitocéntrico que nada ten que ver co pracer! Isto ten que mudar, seriamente, desaparecer por completo: o descoñecemento da fisionomía feminina, a vergonza que rodea ao acto sexual, os xuízos ao respecto do que está ben ou mal facer na cama, o imaxinario colectivo do que unha relación sexual ten que incluír para ser aceptada, xa está ben! A sociedade segue moi atrasada neste aspecto que podería ser (e non sempre é) un mundo fantástico de desexo, pracer, autocoñecemento, confianza e saúde. Por todo isto e porque Punkostela ten a diversidade como relixión, queremos ofrecervos un resumo de todas e cada unha das charlas que formaron parte das III Xornadas de sexualidade, saúde e xénero, só coas pinceladas máis simples de todo o que nós aprendemos e coa súplica de que non vos perdades as seguintes. O sexo é vida, pero unha vida na que todas temos moito aínda por descubrir.


Os tres días de ponencias iniciáronse o luns coa psicóloga e sexóloga de Con mucho gusto, Martina González Veiga. Nós xa tiveramos o pracer de estar noutra das súas charlas no NerdNite, daquelas tamén acompañada do marabilloso clítoris 3D. É preocupante o pouco que se nos fala do noso mellor amigo o clítoris, esquecido nos manuais de medicina durante séculos. Unha mágoa, temos moito tempo que recuperar. Por iso é que Martina nos fixo unha introdución maxistral ao presentarnos algunhas prácticas sexuais alonxadas do “vainilla”, como son o BDSM ou o shibari.

Imaxinádevos que entrades nunha tenda de xeados italianos a reverter de sabores novidosos, de texturas especiais, de combinacións infinitas e catorce tipos de chocolate e entón… e entón pedides un de vainilla. Triste, verdade? Pois animádevos a experimentar tamén na xigantesca xeadería sexual.


No mesmo día, Ana Belén Fernández deunos a boa nova: a próstata feminina existe e está directamente relacionada co fenómeno da exaculación! Ah, que delicia ver como ese conxunto de estruturas que máis dunha vez foron chamadas tecido vestixial atrofiado creceron e transformáronse nunha incómoda realidade para certas persoas. Segundo o estudo do sexólogo Francisco Cabello, clarificado por Ana Belén, todas as mulleres somos quen de exacular a través das glándulas periuretrais, pero entre nós varía a cantidade de líquido excretado e a intensidade de saída, por iso non todas percibimos este suceso. Non existe unha forma concreta de estimular este fenómeno así que só che queda practicar e practicar… nin tan mal. O bo é que próstata e exaculación femininas chegaron para quedarse, palabra de Punkostela!


A segunda xornada, Diversidades e sexualidades, con Leonardo Almeida, abriu cun tema que non todas as persoas dixiren axeitadamente: a sexualidade en persoas con diversidade funcional. Puidemos ver como, de forma sistemática, a sociedade afastou a este colectivo dunha vida sexual chea e satisfactoria achegando escusas que non se poden soster por máis tempo. Afortunadamente, as vítimas desta situación xa levan un tempo a agruparse e loitan co obxectivo de cambiar o parecer desas cabezas fechadas que antes e agora pretenderon afastalas dunha práctica do sexo absoluta, grata e libre. Aquí cheira a sometemento pero tamén arrecende a empoderamento!


E cara a fin da tarde Cristina Palacios, presidenta de Arelas, focalizou a nosa atención nas crianzas trans: a súa loita, os seus dereitos, as dificultades que as asolagan e as (poucas) axudas que reciben. En ocasións, os sectores que máis se deberían implicar nos dereitos deste colectivo (educación e sanidade) son os primeiros en ponher atrancos: diagnósticos desfavorábeis (sóavos TDAH?), negativa do centro educativo a que poidan empregar os banhos do xénero co que se identifican, o pesadelo de consulta a consulta para acceder os bloqueantes da pubertade, a falla de medidas para evitar a discriminación nas aulas... Ás veces o peor non é a negativa, senón a inactividade, a falta de intención de mellorar as cousas por parte da xente que si pode marcar a diferenza. O fermoso discurso de Cristina, unha loitadora de primeira linha, recordounos unhas verdades que aínda resultan molestas para a sociedade: que o xénero non o determinan os xenitais, que existen mulleres con pene e homes con vaxina e que os xéneros binarios son unha simplificación ofensiva e inxusta do vasto abano das posibilidades humanas.


Para as derradeiras ponencias da semana, a primeira en visitarnos foi Xiana Albor, voluntaria da organización Imagina MÁS que, sabedora de primeira man do que é ser VIH positiva, co seu amábel sorriso e a súa refrescante desenvoltura deu a charla máis participativa e aberta das xornadas. Nela tocáronse moitas das caras que constitúen o problema do VIH: dende información básica sobre o virus e como se transmite e diagnostica ata temas candentes que arrodean a enfermidade, como a prohibición de doar sangue a varóns gais ou bisexuais e a diminución do número e intensidade das campanhas de concienciación/prevención.

Tras diso, Xiana deunos a conhecer ao PrEP e mailo PEP, dúas pautas farmacolóxicas previas (PrEP) ou posteriores (PEP) ao contacto co virus para persoas VIH negativas, que poderían manter relacións sexuais cunha persoa infectada de forma moi segura. Este revolucionario tipo de prevención, aínda que moi práctico e interesante, ten recibido críticas xa que protexe fronte o VIH e non fronte outras ITS, polo que pode suponher unha ferramenta de dobre fío se se emprega de xeito irresponsábel.


A derradeira ponencia da semana veu a cargo de Susana, autora do xa famoso blogue Saltando la línea roja. Este tema parécenos tan interesante como básico, natural. Que importante é deconstruílo todo, que difícil tamén. Hai quen di que o ser humano non é monógamo por natureza, senón máis ben por convención social ou até por costume. Por nós cada unha pode facer coa súa vida amorosa e sexual o que mellor lle pareza cada día da semana e Susana foi a máis respectuosa do mundo con todas as perspectivas. Tamén desmontou a visión errónea e amarillista que a prensa a miúdo aporta sobre o poliamor.

Ser poliamoroso non significa ter unha vida sexual agotadora, mais pode ser. Tampouco significa ter un namorado en cada cidade que visitas, mais pódelo ter. O poliamor é, sinxelamente, a capacidade e a necesidade de partillar o amor que sae dunha mesma con máis dunha parella, dun xeito aberto, honesto e baseado na comunicación positiva. Os consellos e as bases que xorden do poliamor serían aplicábeis a calquera parella porque, como di Susana, até o de agora ela non ten rabo nen cornos, senón que é unha persoa normal que ama todo o que pode.


Dende Punkostela, que nos mola contemplar a sexualidade e os xéneros dende perspectivas alternativas e espallar os nosos horizontes clitorianos, estes proxectos pónhennos duros os pezóns e convidámosvos a que vós tamén os gocedes. Proxectos e pezóns, obvio.


Queres ver máis?
bottom of page