Fodéronnos co DDT e aghora co glifosato. Valo consentir?
Que o ser humano esquece demasiado cedo é algo que me fai vomitar todos os días. Hoxe, case dezaséis anos despois de que a Convención de Estocolmo sobre Contaminantes Orgánicos Persistentes prohibira o emprego do DDT como insecticida sintético na agricultura, enfrontámonos a unha crise moi semellante: a do glifosato.
Para quen non o saiba, dende os anos corenta, nos que as primeiras voces se manifestaron abertamente cuestionando a seguridade do DDT, ata que as primeiras nacións restrinxiron este produto, viviuse unha guerra de publicacións científicas sen precedentes respecto da inocuidade dos biocidas orgánicos sintéticos (=matavidas artificiais con base de carbono e hidróxeno).
Durante este conflito informativo, os poderosos productores de DDT nos Estados Unidos (entre eles Monsanto, conhecido produtor de sementes transxénicas, e Velsicol) doaban dinheiro ás universidades para que estas levaran a cabo estudos, supostamente fiábeis, sobre a súa seguridade, que ao final só lle cantaban as loubanzas ó insecticida. De maneira que o DDT era caralludo: facía moi ben o seu traballo, era inocuo para animais e persoas e non perduraba excesivamente no medio ambiente.
Deste xeito a humanidade ficaba contenta. As companhías químicas e as universidades facían cartos a esgalla e as nádegas da opinión pública podían retornar, xa libres de toda obriga e compromiso, a onde sempre desexaban voltar: ao reconfortante sillón da casa, lonxe da molesta realidade.
O que pasou despois ten algo de xustiza poética. A contrapartida de artigos que denunciaban a perigosidade do DDT e a morea de evidencias que amosou a Natureza, probaron o que se sospeitaba: que o DDT pode permanecer no solo e nas augas moito máis tempo do que se cría e tamén é quen de introducirse na cadea alimentaria ao bioacumularse nos tecidos graxos dos seres vivos grazas á súa gran lipofilia.
Nos vertebrados ocasiona alteracións nos sistemas nerviosos central e periférico a curto prazo, e a longo prazo relaciónase con alteracións endócrinas, desaxustes na produción de enzimas hepáticos* e cancro (segundo a IARC, a Axencia Internacional de Investigación do Cancro, pertence á categoría 2A: existen moitas probas de que induce cancro na especie humana pero aínda non se pode afirmar de forma taxativa).
En 1972 aboliuse o seu emprego nos Estados Unidos. Este rexeitamento foise espallando polo mundo adiante ata que, no ano 2001, formalizouse a prohibición como insecticida agrario a nivel global. Deste xeito, esta poderosa invención humana, ca súa persistente e insidiosa acción sobre os seres vivos; este xermolo "humanoxénico" de inxustiza polo que unhas persoas se lucraban e outras morrían; este abominábel Hijo del Hombre… foi derrotado.
Porén agora, no século XXI, despois de erguermos e vencer ao DDT, consolídase unha nova ameaza biocida, o glifosato.
Este mamonazo foi sintetizado e comercializado nos 70 por persoal do imperio de Monsanto e viu a luz co nome de Roundup en 1974. A día de hoxe é un dos herbicidas máis vendidos do mundo a pesares de que a patente da todopoderosa Monsanto expirou hai dezaséis anos.
Dentro dos biocidas orgánicos de síntese, non pertence ó mesmo grupo que o DDT (o DDT era un hidrocarburo clorado mentres que o glifosato é un organofosforado) pero está tan rodeado de mentiras que, coma no DDT, a súa visión fáisenos practicamente opaca.
Ao primeiro declarouse que o Roundup non podía danar animais nin seres humanos porque limitabase a actuar sobre un enzima presente só nos tecidos vexetais (unha transferasa encargada da síntese dos aminoácidos aromáticos: fenilalanina, tirosina e triptófano, necesarios para o desenvolvemento do organismo vexetal) e ademais afirmouse que a súa vida media en auga e solo era irrisoria.
Co paso dos anos, remata o conto e vemos con claridade que as palabreiras de Monsanto sementan embustes ademais de plantas. A irrisoria vida media resultou ser maior do que nun principio se atreveron a reconhecer e pode alongarse anos enteiros.
No tocante á saúde da fauna, hai tempo que comezaron a saír estudos que afirman que a presenza de glifosfato e os seus metabolitos no organismo dos vertebrados pode producir trastornos endócrinos (por inhibición da aromatasa principalmente, enzima integrado no metabolismo das hormonas sexuais), alteración dos balances nutricionais, dano hepático e dano renal. ** E en 2015, a IARC, a Axencia Internacional de Investigación do Cancro situouno, ó igual que o DDT, na categoría 2A: probábel carcinóxeno no ser humano.
O que aquí acontece, non é nada novo. De feito é o que ocorre sempre. Chega unha persoa poderosa que ve unha oportunidade de ser aínda máis poderosa. Esta invirte o seu capital en darlle forma á súa idea conseguindo que os aspectos máis inmorais do produto final fiquen inadvertidos. A idea sae á venda reportando un gran nivel de beneficios e todo o mundo é feliz ata que se destapan as consecuencias, porque só cando apodrecen a flora e a fauna, a cor da paisaxe torna púrpura e os bebés nacen con seis pezóns, o público se ergue contra a inxustiza.
Pero agora estamos nunha lea, porque esa persoa acadou un poderío tal, que é capaz de controlar a opinión pública ao seu arbitrio xa que esta adoita dividirse en dous tipos de xente: o exército de papagaios repetidores dos dogmas do poder, que confían algún día ser beneficiarios da súa obra; e o exército de cadáveres fodemerdas que se cren a salvo no seu sillón e que co seu inmobilismo pacífico só conseguen ser o eco da inxustiza.
Eu acuso ás productoras de glifosato de ser un arquetipo do capitalismo extremo, cobizosas, xenocidas e adulteradoras da realidade, e acúsoche a ti de permitir que isto ocorra. A que estás a agardar??Desconfía das súas palabras, quen enganou, enganará de novo. Érguete e que non che fodan a forella cos seus contos!
* Takanori Harada, Makio Takeda, Sayuri Kojima and Naruto Tomiyama Toxicity and Carcinogenicity of Dichlorodiphenyltrichloroethane (DDT) The Institute of Environmental Toxicology, 4321 Uchimoriya-machi, Joso-shi, Ibaraki 303-0043, Japan. Toxicol. Res.
Vol. 32, No. 1, pp. 21-33 (2016)
** John Peterson Myers, Michael N. Antoniou, Bruce Blumberg, Lynn Carroll, Theo Colborn, Lorne G. Everett, Michael Hansen, Philip J. Landrigan, Bruce P. Lanphear, Robin Mesnage, Laura N. Vandenberg, Frederick S. vom Saal, Wade V. Welshons and Charles M. Benbrook Concerns over use of glyphosate-based herbicides and risks associated with exposures: a consensus statement Myers et al. Environmental Health (2016) 15:19 DOI 10.1186/s12940-016-0117-0