top of page

Ateneo instrumental

Situémonos. Os anos noventa chegan ao seu fin e izan a bandeira negra da apatía. Asistimos ao comezo da defunción do rock como arma, como esperanza, convertido agora en consolo existencial e improvisada barricada na que lamerse as feridas. O indie devórao todo, despregando un reinado que dura ata os nosos días. Incluso os últimos focos de resistencia parecen pouco máis que exercicios de estilo ante a tiránica imposición do novo paradigma musical.

Pero hai quen todavía loita como vento ferido, con ganas de prenderlle lume aos convencionalismos e moldear unha vangarda artística a golpe de rabia. Grupos como Godflesh, Neurosis, Cult of Luna ou Glowsun xogaron a construír novos universos para que ninguén decidise por eles cómo tiñan que vivir.

O día 27 de xaneiro déronse cita dous grupos no Ateneo 30. A súa misión: buscar a paz dentro dun buraco negro mezcla de vacuidade e nada.


Os encargados de animar ao público asistente foron Inmates. Xogaban na casa e notábase. Alertados durante os ensaios polo nivel da música, estos tres rapaces tiveron que controlar as súas ganas de facer ruído. Valéndose do suceso, aproveitaron os intermedios para criticar o esaxerado control ao que se ven sometidos os locais de concertos en Compostela. Notábaselles tímidos, pero cumpriron de sobra coa sua parte do trato. Ofreceron un bo repertorio, mordéndose os beizos para poder tocar a un volume ao que non están acostumados. Os alí presentes agradeceron isto último, pois poideron apreciar así os matices melvinianos dunha melodía que para Inmates é berro e protesta. Os corpos, entumecidos polo frío, recuperaban a súa movilidade segundo avanzaban os temas. Os ventos érannos favorábeis e a embarcación navegaba xa a toda vela.



Din que hai tres tipos de persoas: visuais, auditivas e kinestésicas. Pode que sexa unha clasificación neurolingüística completamente válida ou mera charlatanería astrolóxica, pero sen dúbida algunha pertenzo ao segundo grupo. Estou cansa desa pretensión de ser algo que non somos, tratando de buscar un talento que podemos ou non podemos ter, caendo unha e outra vez nese pozo de fracaso do que nos gusta tanto beber. Quizabes algunhas de nós simplemente queremos apreciar a arte daquelas que sí conseguiron atopar o ditoso camiño. Eu quero escoitar o que os músicos teñen que contarme, sobre todo cando deixan falar aos instrumentos. O bandcamp de Kalte Sonne atraeume como canto de serea, deixándome pasmada ata o mesmo momento do concerto.


Na procura da madurez musical, Kalte Sonne, formados en Lugo en 2013, une forzas con Octawitch para lanzar un split en decembro de 2016. “Searching The New World Part.2” é o nome que recibe o conxunto de dous temas dos lucenses. Victor, Miguel e Ángel son magos do post metal instrumental e escuro. Escondidos tras un biombo de timidez e bo facer reproducen á perfección un óptimo son de estudio. Todos os seus traballos contan cunha coidada edición física, o que pon de manifesto a preocupación estética do grupo. Para a súa posta en escea converteron o soto do Ateneo nun cosmos particular, cunha estrela como único punto de luz e nebulosas imaxes proxectadas ás súas espaldas.


Kalte Sonne son unha banda de distorsión elegante e atmósfera pesada. Nos seus temas é a evolución gradual da estructura das cancións a encargada de contarnos unha historia. A presenza da voz humana convértese en algo completamente innecesario, sendo a seductora melodía dos instrumentos a encargada de invitarnos a unha viaxe interplanetaria na búsqueda dun novo mundo. Avanzamos así a través dunha atmósfera cada vez máis cálida que nos conduce a un Sol que non queima. Abrazadas polo seu plasma deixámonos ir.


Queres ver máis?
bottom of page