top of page

Os dedos máxicos de Vanesa Peón


O Big Bang foi o orgasmo do universo. A explosión precedida da escuridade provocou o placer cósmico. Dese estalido naceron as vaxinas, que gardan parte daquela enerxía primixenia. A súa forza gravitacional atrae aos dedos como se fosen avelaíñas que acoden a un punto de luz. Dedos con ás, acesos e vermellos, voando en dirección á calor do fogar. Cando chegan ao seu destino pousan as súas ás sobre o clítoris e comezan a darlle corda á maquinaria do disfrute. As cóxegas convértense en pequenos lóstregos que atravesan a médula, espasmos ultrasensibles que che fan pechar os ollos. A cabeza énchese dun vibrante surrealismo de conexións neuronais perdidas no negro espacio. Sentes entón esa tensión nas pernas que antecede á túa propia gran explosión. O corpo descontractúrase e nace en ti un manantial de auga quente, a fonte da eterna xuventude. Rematas. A realidade aséntase e expándese pouco a pouco, lentamente, até alcanzar de novo a rutina do trasegar. E dormes. Dormes como nunca. Excepto se eres Vanesa Peón e unha idea che ronda a cabeza. Nese caso érgueste da cama e comezas a pintar.


Pintas ensoñacións, tetas, animais. Pintas unha relación sexual que imaxinas estar tendo e materialízala nun lienzo. Agora é, e está. As ideas establecen unha relación directa coa man e ti só es partícipe do conxunto cando o seu particular coito remata. Vanesa afástase entón do cadro e firma unha nova obra, unha máis do seu pequeno legado.

Vanesa Peón é profesora de Educación Física nun instituto, unha profesión desde logo afastada do mundo da arte. Un día comezou a pintar para evadirse do enamoramento que sentía por unha muller. Imaxinou como sería unha relación sexual con ela e transformouno no seu primeiro cadro. Comparteuno en Facebook e a súa visión chegou ata Denver a través das redes sociais. Os ánimos para que seguise a pintar cruzaron o charco e materializáronse en dous anos de traballo dende entón.


Os seus cadros conteñen unha cantidade astronómica de detalles que invitan á interpretación e ao xogo cando unha se para diante deles. A combinación das cores resulta fabulosa, fóra de normas e leccións de arte as súas nocións son as dunha auténtica artista. Animada pola súa irmá probou a pintar con tinta, creando unhas pequenas láminas en branco e negro nas que tamén explora un cosmos sexual e selvático.


“Estou durmindo, estou na cama, comezo a darlle voltas a como sería estar con esta moza coa que falei pola tarde e as ideas flúen”. Cada cadro ten unha historia con algunha muller que lle ronda a cabeza, o pincel é o instrumento que emprega para descubrir o porqué desa atracción. Vanesa cre nos dedos como o santo grial do sexo lésbico, nos cadros sáenlles ás e voan atraídos pola luz da vaxina. Cada dedo ten as súas ás, cada coño a súa luz. “Cando eres capaz de provocar a exaculación feminina, perdes a cabeza, como un balón de Nivea que se escapa mar adentro”. Nas súas creacións tamén hai espazo para os compoñentes relixiosos, como en Chichiluz, onde un cristo crucificado nun útero anima con dous pompóns rosas en cada man a dúas mulleres en plena masturbación. Un par de mantis relixiosas participan da algarabía bailando xuntas, libres e contentas nunha discoteca despois de matar aos seus respectivos machos trala copulación.


Vanesa seguirá pintando e expoñendo de norte a sur de Galicia, sen pelos na lingua, cunha mensaxe clara de “son lesbiana e pinto relacións sexuais con mulleres”. No mundo da arte, un medio educativo básico, é preciso que a xente se mostre real. A Vanesa, como educadora, encantaríalle expoñer nun instituto. Falar abertamente do tema é a única maneira de axudar ás rapazas a tomar un control sobre a súa sexualidade.


O sexo lésbico non é só collerse da man e darse bicos. A exaculación feminina non é un mito, o sadomasoquismo existe e Vanesa atopa oco para todo nas súas coloridas creacións. A Unitaria loce bonita estos días, abride as ás e voade ata a calzada de San Pedro, a exposición está acesa ata o 26 de xaneiro.


Queres ver máis?
bottom of page