Sete mulleres bravas da nosa historia
Compañeiro, o que a ti che pasa –sentencia ela, moi seria–
é que vives en loita co mundo que te rodea
María Victoria Moreno, Anagnórise
Mentíronnos sobre Rosalía de Castro. Mentíronnos sobre as outras escritoras, sobre as científicas, as pintoras e as compositoras. Mentíronnos sobre as mulleres e até fai pouco tempo, nen nos decatamos. Pensade na noción de Rosalía que aprendimos na escola, na que nos pintaron nos libros. Dedicádelle un segundiño a compor unha imaxe mental cos datos comúns e correntes que se vos veñan á cabeza. Quen é?
Unha muller triste, choromicas, mexeriqueira. Probablemente feble e de pouco carácter.
Aí está! Canto nos teñen mentido.
Rosalía foi unha muller forte, valente, moderna para o seu tempo, culta e creativa. Unha pioneira.
É hora de cuestionar o que nos contaron.
A presentación en Compostela da colección de libros infantís Mulleres bravas da nosa historia foi na Libraría de Mulleres Lila de Lilith, claro, un lugar clave para darse un mergullo no feminismo, que tivo moito que ver no nacemento e desenvolvemento destes libros. As creadoras chámanlle xa "a súa casa". O espazo encheuse de xente e a xente encheuse tamén de parabéns para o proxecto. Xuntáronse arredor dunha mesa cinco mulleres extraordinarias para falar doutras dúas: de Rosalía de Castro e de María Victoria Moreno. Elas son as protagonistas dos dous primeiros volumes dunha colección que pretenden dar a coñecer a algunhas das mulleres exemplares da historia da Galiza aos máis novos.
A primeira en falar foi Andrea Jamardo, de Urco Editora, que nos contou que a meta do crowfunding para esta idea conseguiuse en tres días. Iso é o que pasa cando alguén ten unha idea que non só é boa, senón que é necesaria. Era preciso facer o que elas están facendo. Andrea di que queren cambiar o mundo a través da literatura, a través dos nenos, e nós pensamos que vai no camiño máis certo.
Na Lila de Lilith estivo tamén Eva Agra, a ilustradora das obras, que está aínda arrancando a súa carreira pero vai montada nun foguete. Contou que traballa ben baixo presión, tan ben que á neta de María Victoria Moreno gustáronlle os debuxos que fixo da súa avoa. Non pode haber xuíza máis axeitada nen máis importante.
Despois falounos María Lado, co seu humor punzante e a súa pronuncia como a das ondas do mar. Ten un non sei que hipnótico ao falar, será cousa das poetas. Para ela foi unha superación persoal redescubrir a Rosalía, achegarse a ela doutro xeito, proxectar a imaxe real para afastar a desenfocada.
Eli Ríos fixo rir á toda a sala e, o que é aínda máis difícil, fíxonos pensar e seguir pensando ao chegar á casa. É unha desas mulleres magnéticas que saben falar e que non queres que calen nunca. Ela fíxonos ver que esta literatura non ten sentido se non chega á rapazada.
E a presentación pechouna a sensacional poeta Lorena Conde, que tivo a sorte de ser alumna de María Victoria Moreno. Foi un momento emotivo, deixounos entrar nas súas lembranzas do instituto para partillar con nós un cachiño do inmenso agradecimento que sente cara aquela profesora súa. Agora sabemos que María foi unha muller extraordinaria que convidaba aos alumnos á súa casa para conversar e cambiáballes a vida, sen dúbida unha desas mulleres bravas da nosa historia.
A colección comezou con dúas figuras esenciais e vai continuar con moitas outras. Para visibilizar a arte das mulleres, o papel das nosas heroínas, das pioneiras e tamén das novas herdeiras, aquelas que hoxe en día continúan a facer historia.