top of page

Marisco, punk e cheiro a novo



O xoves pasado tivemos unha cita sagrada no Embora porque montaron unha festa punk fermosa. Os convidados foron dous grupos galegos que encheron o local de ruído hipnótico e suor. Moi alto. Nós chegamos tarde, porque iso é lei, e comezaron algo tarde eles tamén, como que dándonos a razón.


O primeiro que chama a atención ao ver aos Marisko Del Bueno no escenario é a mistura de idades e persoas. MDB ten catro integrantes: dous moi novos e outros dous menos novos, aínda que en marchoso gaña o cantante, que é dos segundos. Son un grupo con raíces vascas fundado en Arzúa hai tres anos e soan a punk do país auténtico, do crú. Non teñen pelos na lingua para falar da farra máis hardcore, de como lles suben as drogas no corpo ou de Rebeldía e rebelión.


Fóra do Embora, falando con uns e con outros estaba xa o cantante de Os Pankchos. Non tiña pinta de que fose o licor café o que o tiña nervioso, máis ben as ganas de saltar a escena e facernos a festa a todos. Eles mesmos defínense como “punk, festa e tolemia” e naceron neste mesmo ano 2016, semella que despois de cabrearse co bus urbano (a quen non lle aconteceu algunha vez).


Os Pankchos cantan en galego sobre as cousas dos galegos e din que non son moi amigos do PP. Levan pouco tempo dando guerra, pero xa teñen unha boa canteira de fans que corean as súas letras e berran o nome de Juancho, o cantante. Toda a primeira liña do seu concerto do xoves estaba ocupada polos fans máis fieis da banda, como se fose cousa de toda a vida, e a verdade é que o bar encheuse desde a primeira sílaba que Os Pankchos proferiron. E si, Juancho é un rapaz carismático. Entre temas que o público levaba aprendidos e melodías do Xabarín Club, a fórmula destes rapaces non falla e non faltaron os pogos tímidos nen os brindes polo ar. Xuventude punk, cheiro a novo.


Queres ver máis?
bottom of page