Un tesouro en Poza de Bar
Sería bonito vivir nun mundo sen normas. Bonito e caótico, quizabes peligroso. Ou é o prohibido e o medo ao prohibido o que nos fai actuar como tolos? Correr. Sentir a velocidade que sobe e ti que súas. O corpo quece coa adrenalina e faste motor. E só hai ruído e paisaxes difuminadas e as liñas brancas que nunca acaban. Asfalto para vivir. Asfalto no que morrer. Eres dono da túa vida. Ti decides ata onde.
Ou algo así, supoño. Non son motorista, creo que sería completamente nula, pero de boa gana me facía un gonzo á galega para colarme nun mundo sobre dúas rodas. O venres 9 de decembro estivemos preto desa sensación. Por inculto que resulte, creo que era a primeira vez que escoitaba a palabra diaporama. O evento pintaba ben, pero a culpa de todo tívoa a promoción de Lorenzo Zuazua: “o venres vémonos no garaxe”. Simple, efectivo. Pode ser tamén que o nome de Alberto García-Alix tivera algo que ver. O caso é que ás sete da tarde puxemos rumbo á rúa Poza de Bar, sen saber o que era un diaporama ou onde quedaba o susodito garaxe.
Entramos nas mesmas rúas que camiñabamos antes da morte da sala Nasa e comezamos a respirar doutro xeito. Fóra do que era - efectivamente - un garaxe, un grupo de xente indicaba que estabamos ante o Tesoro Shop. O fabuloso $el teSorO shOp*, un espazo no que se poden comprar ou alugar obxectos vintage e de reciclaxe. Entramos sabendo que alí era onde tiñamos que estar. Non precisabamos máis: unha nevera chea de cervexa integrábase nunha decoración producto da maxia que viste chistera.
As portas do garaxe abriran para a presentación do libro de fotografía MOTO de Alberto García-Alix, editado por Cabeza de Chorlito. Tamén se podía atopar o nº1 da revista Motorcycle Family Circus, se eras quen de apartar a vista das paredes. A música serpenteaba entre as cousas sen levantar unha mota de pó. Formaba parte da escena e invitaba a quedarse. Tres dos nosos sentidos estaban plenos e aquilo todavía non comezara.
Foi entón cando Furnier & Pura Mestura tomaron micrófonos e mesa para reconciliarnos co hip hop. Flow e gracia natural para contentar aos presentes, que pouco a pouco nos iamos sentindo parte daquel lugar. No medio da actuación o proxector embarcounos nunha viaxe en branco e negro polos confins do universo MOTO de García-Alix. A perfecta unión de imaxe e son arrincaban os aplausos do público a medida que as fotografías ían avanzando. Foi unha maravilla sentirnos parte desa celebración do bo gusto.
Creo que non se necesita máis nada para falar de El Tesoro Shop e daquel 9 de decembro. É unha lástima que as portas do garaxe estén normalmente pechadas e só abran cando programan algún evento deste tipo. Foi todo un placer. Aquí unha pequena mostra.