top of page

Trans – tor – NON!


O colectivo trans vén sendo vítima de discriminación dende antes da súa creación e malia que nestes anos acadáronse algúns avances, como a fin da obriga de someterse a cirurxía xenital para trocar o nome no DNI, a loita continúa a prol da despatoloxización trans.


Nesta época que vivimos resulta noxento contemplar que a transexualidade aínda é xulgada como un trastorno tanto no ICD – 10 da Organización Mundial da Saúde coma no DSM V da Asociación Estadounidense de Psiquiatría (no que se refire á transexualidade como disforia de xénero), é dicir, nos catálogos de enfermidades máis espallados do mundo e que son empregados coma fonte de consulta por incontábeis profesionais da saúde.


Dunha banda están as persoas que defenden o dereito de autodefinirmos como o que somos e doutra encóntrase a xente que, amosando a súa falsa tolerancia (se é que se din tolerantes), nega a necesidade da eliminación do concepto “trastorno de identidade sexual ou de xénero”. Todas esas persoas que cren que ca súa non oposición á convivencia con mulleres e homes trans xa cederon dabondo en termos de transixencia, que se refregan as mans e erguen o queixo para saír á rúa, cunha mestura de orgullo e inmodestia coma se fose grazas ós seus sacrificios que se acadou(?) a igualdade, a todas esas persoas eu dígolles que NON, NON É DABONDO.


Non se pode aturar que unha sociedade que se di igualitaria considere que as persoas trans sofren unha enfermidade só polo feito de selo. As consecuencias desta conxectura abranguen unha serie de requisitos que tamén son intolerábeis, por exemplo, a obriga de levar a cabo os tratamentos correspondentes (de índole farmacolóxica ou cirúrxica) para adecuar as características físicas ás do sexo reivindicado e así poder mudar nome e xénero no DNI. Por que se nos esixen semellantes condicións? Por que, se se nos adxudica un xénero discordante co que somos ó nacer, temos que superar tódalas súas avaliacións para obter unha definición que, por dereito, é nosa? Trátase da nosa identidade e xamais debería ser máis cuestionábel que a identidade dunha persoa que se considera cis xénero.


Hai quen afirma, quizais máis dende a falta de reflexión que dende a intolerancia, que a desconexión entre transexualidade e patoloxía, aínda que necesaria, podería ser contraproducente para as persoas trans, xa que se perderían as axudas ás que parte da comunidade acode (a lei de sanidade actual inclúe o dereito ó tratamento sanitario integral, dende o tratamento hormonal até o cirúrxico, cuberto pola Sanidade pública). Cómpre lembrar a estas persoas que existen condicións non patolóxicas nas que se lle ofrece á poboación cobertura sanitaria pública total, coma o embarazo. Estado que, lonxe de ser considerado unha enfermidade, pode ser supervisado por profesionais da saúde de forma gratuíta.


Por todo isto, vén sendo hora de erguernos, todas e todos, cis e trans, na procura da despatoloxización da transexualidade, sen deixar espazo a quen non ve a diferenza entre padecer unha enfermidade e creala sobre os cimentos da desigualdade e da intolerancia. POLO DEREITO A DECIDIR QUEN SOMOS, NON Á PATOLOXIZACIÓN TRANS!



Queres ver máis?
bottom of page