Dende a escuridade da Reixa: Klute
Fai anos Godzilla atacou Ferrol e reduceu a cidade a escombros. Conta a lenda que, paseando entre as ruinas postindustriais de tan castigada urbe, a xente escoitaba melodías pegadizas. Houbo algúns que enloqueceron e marcharon, outros atoparon a paz nese vagabundear musical. Fai dous anos o misterioso eco fíxose real: das cinzas da Detroit galega naceron tres fénix que enchufaron as súas garras a un equipo de son.
Juli, Kar e Jai xa tocaran xuntos fai anos nun grupo chamado Krusty. Os seus camiños cruzáronse de novo, quedaron un día e comezaron a tocar temas de maneira natural. Porque hai xente que así respira. Fixéronse chamar Klute e convertíronse nunha boa representación da nostalxia que nos caracteriza. Unha gran parte dos nosos pensamentos ocúpaos o recordo dun pasado que seguimos a escoitar nas nosas cabezas. Nada nunca superou aquilo co que tan ben o pasamos. Din nun dos seus temas que “as cousas nunca volverán a ser o mesmo, pero intentaremos tocar outra vez como no verán de 1998”.
E así foi. O pasado 22 de novembro todos os presentes na Reixa volvemos a ser adolescentes. Foi como escoitar por primeira vez un disco de punk rock e deixar que o corpo convulsionase de gusto. A transparencia do estado de ánimo do grupo colaborou na creación dun ambiente eléctrico. Notábaselles cómodos, quizabes porque saben que o están a facer ben.
O seu primeiro ep "Summers hits to sing along" foi incluído na revista MondoSonoro como a quinta mellor demo do ano en Galicia. Empezaron con clase e seguiron cun novo ep editado en vinilo de nome “Loser”. Toda esta información obrigada queda no baleiro se vós non catades o material. Botádelle unha escoita ao seu bandcamp e un vistazo ao vídeo que aquí vos deixamos. Garantímosvos un bonito paseo.