Lila de Lilith e a primeira muller feminista
Enderezo: Rúa Travesa, 7
Horario: De 10:30 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 h. Luns pola mañá pechado.
Tipos de eventos: presentacións de libros, charlas, roldas de prensa, obras de teatro, proxeccións, obradoiros, xuntanzas, exposicións... sempre en relación co tema de xénero.
Un agasallo; cinco obras recomendadas pola fundadora da librería para remexer nas conciencias:
Machismos, de micro nada, FIADEIRAS
Teoría King Kon, VIRGINIE DESPENTES
A música dos seres vivos, MARÍA REIMÓNDEZ
Fun home, ALISON BAXTER
Salvaje, EMILY HUGHES
"E Deus creou ao home á súa imaxen; creouno á imaxe de Deus, creounos varón e muller". Xénese, 1: 27.
A primeira muller que chegou á Terra non foi Eva, senón Lilith. E ela era unha muller rebelde, poderosa e feminista. Lilith nunca se levou moi ben co seu compañeiro de paraíso, Adán, e de acordo coa interpretación da creación humana no Xénese feita no Alfabeto de Ben-Sir, semella que un día tiveron unha agarrada que rompeu o vínculo para sempre:
"Adán e Lilith moi cedo comezaron a pelexar, cando el desexou xacer con ela, esta negouse, ao que Adán respondeu:
- Eu non xacerei debaixo de ti, só estarei enriba, xa que son o superior.
- Ambos fomos creados da Terra, polo que ambos somos iguais. Dito isto, Lilith pronunciou o nome prohibido de Deus, o que lle deu o poder de levantar o voo e abandonar a Adán."
Despois deste abandono Adán sentiuse só, incomprendido, e falou con Deus para pedirlle unha nova compañeira, a poder ser unha máis dócil que lle dese menos complicacións. Entón Deus, preocupado pola situación toda que se tiña armado no xardín do Edén, fixo ao home durmir profundamente e creou a partires dunha costela del á segunda muller: Eva.
"O home exclamou: Esta é agora óso dos meus ósos e carne da miña carne! Chamarase Muller, porque foi sacada do home". Xénese, 2: 23
Que grande foi a ousadía da primeira muller, crerse igual ao seu compañeiro. E é que Lilith non entendía nada, debíase de sentir atrapallada e moi cabreada. Quíxolles explicar ao Creador e ao seu colega que se home e muller naceran do mesmo xeito, do mesmo pó, do mesmo chan, os dereitos de ambos tiñan que ser idénticos. E disque acabou por vivir exiliada no Mar Roxo xunto a outros rebeldes a unha morea de demos. E seica o pasou de marabilla por eses lares.
Este mito de Lilith xa nos dá moitas pistas sobre a libraría feminista compostelá que este 21 de outubro cumpliu cinco anos de vida. A idea xa ten andaina, provén dun proxecto iniciado no ano 2000 co nome Lilith acción social e educativa, formado co obxectivo do traballar nos temas de igualdade a través da educación. Que fermoso, que importante! Este seu labor de igualdade desenvolvíase con grupos de mulleres, con centros de ensino, cos concellos... pero entón chegou a crise. Deulles aos que mandan por recortar en temas de igualdade e de educación e a idea tivo ser reinventada. A fundadora da libraría tiña visto outras similares en Madrid e sentiu que Galiza andaba a precisar dunha cousa semellante.
Tivemos a grande sorte de ter Lila de Lilith en Compostela porque a creadora sente que a nosa é unha cidade especial, cunhas condicións culturais, políticas, de compromiso e efervescencia envexables. Santiago recebe xente de todas partes e hai quen vén expresamente para coñecer a única librería feminista de Galiza.
A día de hoxe o seu traballo de selección para o catálogo é complexo. Ela non recibe unha lista de novidades como tal, senón que ten que revisar cada editorial, cada repertorio, na procura daqueles libros que vaian espertar conciencias, que poidan mudar un mundo ao que xa lle toca mudar. Por sorte conta con algunhas aliadas, como é o caso da editorial feminista Horas y horas, entre outras.
Os criterios de selección ela tenos moi claros. Na narrativa e na poesía, procura libros escritos por mulleres cuxos contidos teñan unha tónica 100% libre de machismos. En ensaio teñen cabida todos os temas do mundo, sempre e cando se crucen cunha temática de xénero e demostren unha óptica feminista. A sección de infantil e xuvenil é a máis importante, na que vai con máis coidado; impón un filtro atento sobre os contidos e as ilustracións, quere estar segura do que se transmite. Aquí está a deseñar o noso futuro, o de todos nós, a través das mentes dos nenos.
O público é heteroxéneo e a visitan acotío toda clase de persoas simpatizantes do movemento feminista e máis concretamente aquelas que no seu traballo tocan temas de igualdade, como certos sectores do profesorado. Pero tamén moita xente da rúa sen máis vinculación que o gusto por este espazo e polo que nel se coce.
E hai boas noticias. Comeza a haber nos libros infantís temáticas que ata fai pouco era imposible atopar: a transexualidade, a menstruación ou o colectivo LGTB a seren por fin visibles para as nenas e os nenos. Está a aumentar a demanda deste tipo de contidos educativos. Non se pode dicir que sexa masivo, pero quedámonos coa idea de que hai un feliz comezo.
E aínda hai máis boas noticias. O movemento feminista socializouse nos últimos anos e espallouse nas redes sociais. En ocasións utilizou o humor e a crítica aceda para facerse viral, ao lado do traballo incansable de tantas activistas na rede e na rúa. Agora Lila de Lilith recebe a visita de moitas mozas novas interesadas no tema, que chegan ás portas da libraría cargadas de insubmisión e de coñecementos preguntando por bibliografía moi concreta e especializada. Son as compañeiras da Lilith, que veñen con ela desde o Mar Roxo. E xa nada as poderá parar.