top of page

Sempre arriba nas festas de Abaixo

As festas da Rúa de Abaixo marcan o comezo dun novo curso ou, para aquelas que xa non somos estudantes pero non hai moito que o deixamos de ser, o punto de partida do noso aninovo particular. Buscando unha nova xarra-medidor para a cociña, xa que a do ano pasado rompera en estranas circunstancias, poñemos rumbo ás nosas festas favoritas para pedir un litro de celebración.



Do venres 8 de setembro, noite de foliada, pouco ou nada lembro, xa que dende que se anunciaran as festas só podía pensar nunha cousa: en letras grandes e nun lugar privilexiado do cartel erguíanse grandiosos os nomes de EVA e CAMILO. Eles eran sen dúbida os cabeza de cartel das festas que organizan dende As Marías, asociación veciñal á que tanto lle debemos. A sesión vermú do sábado 9 de setembro foi a responsable de que decidiramos na noite do venres marchar cedo para a casa, sen intentar sequera coller algún punto da ringleira de danzantes que subía pola rúa. Brilaba na nosa memoria a verbena do ano anterior con Eva e Camilo pletóricos dándolle paso a Sacha na Horta. O dúo musical a cargo da sesión vermú era pois un evento de obrigada asistencia.


O sábado chegamos famentas e enfilamos rumbo aos postos de comida do EntrePedras e de Hervor e Fervo, xusto despois dun estudo pormenorizado dos menús no que decidimos que se queriamos conservar algo de mobilidade tiñamos que prescindir do pulpo á feira de Deulpo. Pero é que esa hamburguesa de froitos secos do Entrepedras todavía se me acorda entre suspiros, sobrevoando un universo negro con galaxias de salsa branca, nunha especie de video receita dirixida por Alfonso Cuarón onde os panes, a hamburguesa, a leituga e o tomate se unen nunha colisión cósmica perfecta e implosionan nun big bang de sabor.


Así que imaxinade o placer dunha boa comida regada con vermú mentres Eva corre dun lado a outro da festa roubando sorrisos tímidos e bailes compañeiros. Incluso o sol loitaba coas nubes para facerse un oco diante e poder contemplar todo o espectáculo. Varias persoas berraban que tiñan fame, que eran máis das tres da tarde e querían marchar xa para a Gentalha a comer, pero decíano con pouco convencemento, mentres a cabeza seguía o ritmo da música e os dous brazos reposaban sobre os hombros da persoa que as precedían no tren. Unha serpe humana que cada vez se facía máis e máis grande, até que se mordeu a cola e a actuación rematou. Game Over. Con indicios de resaca e a revista Ardora baixo o brazo marchamos descansar, sen saber que outro tipo de tren se aproximaba paseniño á Rúa de Abaixo.



Como quen non quere a cousa, chegou a hora de que o lume prendese as flores de papel no Baile do Farolinho e a noite se tinguise desa confortable cor laranxa. No escenario repousaba a locomotora musical de Xangai, un proxecto que naceu como homenaxe ás relacións entre Galicia e Catalunya baseándose nas experiencias artísticas. A formación musical une no mesmo escenario a diversos talentos galegos e colle prestado o alcume do comboi que durante décadas uniu a cultura atlántica coa mediterránea, sendo a emigración galega o seu telón de fondo. A forza e as ganas de todos eles arrincáronnos a bailar endemoniadas pola música de sempre servida dunha maneira completamente novedosa. O espírito de Jarbanzo Negro, Os Tres Trebóns, Sacha na Horta, García MC, Xurxo Souto ou Bolboreta engánchase a esa locomotora que pretende de maneira simbólica representar décadas de encontro entre as dúas beiras da península.




Intentando elevar o entusiasmo do ambiente até o máximo, a Charanga Mil9 quixo manter os ánimos purrando deles cara arriba cos seus instrumentos. O relevo foi para A Resistencia do Dedo Medio, dj's que puxeron banda sonora a un dos momentos máis simpáticos da noite. Os ánimos estaban xa tan arriba que o único que había que manter no aire era unha pelota. Canción a canción, bailando en corro coa alegría toda na cara, fomos perdendo a vergonza e a compostura, recuperando esa ilusión inocente polas cousas máis pequenas. Voltamos ser crianzas alzando un balón, correndo tras del e participando no xogo con xente completamente descoñecida. A todas elas lles dicimos: "ata o ano que vén, de seguro nos veremos pola rúa".

... cantar bailar, passá-lo bem que hoje é festa e manhá também

Queres ver máis?
bottom of page