top of page

Artistas bravas facendo territorio



Que o 80% dos internautas se amosaron indignados coa programación deste ano do Apóstolo é unha firme realidade para El Correo Gallego. Compartiron o programa no seu Facebook e, cando a semente deu o seu froito, comezaron coa recolecta de comentarios negativos encargada a calquera malpocado ao que lle tocou facer as prácticas este verán no periódico. Ou non, porque a cifra do 80% queda sempre ben, xa sexa aproximación real ou mentira. O desenrolo da noticia viña a contar que a xente se queixaba de que non estaban dentro da programación nin a Panorama, nin a París de Noia, nin o Combo Dominicano; por non falar de que tampouco atopaban os nomes de vellas glorias da primeira edición de Operación Triunfo.


O sentimento de disgusto pola non confirmación do Combo Dominicano en "data exclusiva" en Compostela notábase no ambiente. O pobo estaba inquedo, como presaxiando un inverno xélido e hostil se non conseguían ver cincuenta veces á Panorama nas festas de verán. De Vacas sabíano e apuráronse a actuar en consecuencia. O pasado sábado 22 baixaron por San Domingos de Bonaval até a praza do 8 de Marzo vestidas de gala e serea. Subíronse ao escenario e comezou o primeiro dos concertos que aquela noite programaran dende o proxecto "Compostela, Territorio das Mulleres".



Máis che valía levar provisións para un par de horas se querías ver a actuación dende as primeiras filas e sobrevivir, pois aquilo estaba a rebentar. Pinta, Marela, Morena e Guillerme Fernández levan uns anos facendo versións de cancións que varias xeracións bailamos sen fin gastando as zapatillas polo corredor da casa. Rescatan do esmorecemento aqueles temas que foron danados por un paso do tempo cruel e despiadado, que malviven baixo capas de polvo e dentro de caixas de plástico con carátulas de Caribe Mix. Elas autoproclamáronse aquela noite orquestra oficial do Apóstolo 2017, pois o ambiente de verbena era digno de saborear con cada grolo de cervexa. Oriúndas de Compostela decidiron un día xuntarse para facer versións das Spice Girls, con tan mala pata que á xente lle gustou e tiveron que seguir gastando forzas en facer o humor. Porque aquela noite a praza riu. Riu pola gracia e naturalidade que De Vacas desprende no escenario. Atópanse a gusto, como cando alá polos noventa nos inventabamos bailes terribles mentres cantabamos con voces terribles cancións terribles en habitacións con pósteres da Bravo ou da Superpop. Elas fano agora, lonxe dos quince anos, cando as paredes das habitacións conservan a súa pintura libre de agresións de cinta adhesiva. E ademáis fano con tres voces harmoniosas que se deixan acompañar de marabilla por unha bonita guitarra. Actualmente a música de masas segue a ser lamentable, pero para iso tamén teñen un remedio: descompoñelas "amodiño" e entregárnolas para o noso disfrute.

O segundo concerto anunciaba a María Gadú dentro do seu 'tour guelã ao vivo' e, coa praza xa perfectamente transitable, as primeiras filas foron ocupadas por xente con sinceras ganas de escoitala. Momentos máis tarde, comprenderiamos ese nerviosismo na espera. A enerxía que se creou entre os músicos e María Gadú, pronto se adentrou nas cabezas de todo individuo alí presente. Cos ollos pechados e o corpo relaxado, deixámonos levar polos sons tradicionais brasileiros e por unha bossa nova que transportaba e conectaba co resto do público. Coa brutal versión de "Ne me quitte pas" de Jacques Brel alcanzouse un clímax capaz de provocar reaccións emocionais; cos ollos chorosos, como non che pasaba dende o concerto de Lala Brooks ou o de Omara Portuondo, décheste conta de que estabas ante unha desas artistas bravas, talentosas e de modestia infinita. Cando rematou o concerto, e despois de agradecer todo o agradecible, baixou para atender a todas as que seguían enmeigadas polo seu feitizo. A emoción psíquica trascendera á necesidade física dun achegamento aos músicos que acababan de regalarnos un concerto para non esquecer.


A nosa curiosidade estase a ver disparada e saciada neste Apóstolo; no caso desta brasileira e dos artistas que a acompañaban o que digamos aquí non lle fará xustiza, pero que sirva este artigo como defensa dunha programación que, fóra de todo discurso político, resulta dunha calidade coidada, potente e de agradecer.



Queres ver máis?
bottom of page